Puntadas sen fío: Franco volve a Ferrol

Franco volve a Ferrol por Siro
Franco volve a Ferrol por Siro

O que está a pasar na corporación municipal de Ferrol terá que figurar na antoloxía do disparate político porque é unha versión anovada e mellorada de Sopa de ganso, a formidable astracanada cinematográfica protagonizada polos irmáns Marx. Non é que se fixese unha montaña dun gran de area, porque nin gran de area había. Foi puro e simple onanismo político que derivou en pique partidista: «que ti non me mollas a orella», «que si», «que non», «que a roxo non me gañas»…

A algún profundador, como aquel barbeiro de sábado de quen fala Castelao, ocorréuselle, mentres facía bólas cos lixos do nariz, que cando saquen a Franco do Val dos Caídos poderíano traer a Ferrol. Era unha idea sen pés nin cabeza, pero o alcalde cometeu o erro de declarar que a familia do Caudillo ten o dereito de meter os seus restos no panteón familiar que posúe no cemiterio de Catabois, desde o ano 1967, cando a corporación municipal llo regalou ao fillo máis ilustre da cidade, e onde están os avós paternos, una tía e una irmá. E aí empezou a lea. O Bloque e o PSOE fóronlle á chepa e proclamaron que de vir o Invicto a Ferrol, para que a cidade se converta nun lugar de peregrinación fachorra, «tararí que te vin». O alcalde, pillado cos calzóns baixos, saltou coma un lóstrego; dixo «digo» onde dixera «Diego» e advertiu que se instaría á familia Franco a pagar os recibos pendentes do panteón.

Ferrol en Común, PSOE e BNG radicalizaron as posicións, día a día, e, no mesmo lote, acordaron retirar do Concello as fotos dos alcaldes do franquismo; na cidade, a simboloxía da ditadura que aínda fica; no Arsenal, trocar certos nomes do rueiro; e iniciar os trámites administrativos para que o concello recupere a propiedade do panteón. Os restos dos familiares de Franco serán entregados aos descendentes e, de se negaren a recollelos, depositaranse nunha foxa común.

E aquí o ridículo do delirio inicial convértese en abraiante falta de humanidade, porque en base a que estraños principios morais se pode ir contra o ditador, exhumando os restos duns familiares sen responsabilidade na ditadura? Esa non é política de esquerdas. Nin de esquerdas, nin de dereitas, porque unha corporación democrática non pode actuar como un fondo voitre.

Coido que o sectarismo das esquerdas parte dunha idea que levamos gravada no cerebro a base de repetila teimudamente: a Guerra Civil foi entre bos e malos. Os bos eran os republicanos, naturalmente, e os malos, os golpistas. O certo é que nas guerras abondan os malos nos dous bandos, de aí que as mesmas barbaridades feitas polos franquistas na zona nacional as fixeran os roxos na zona republicana. Despois veu a interminable represión dos vencedores e a loita dos vencidos por recuperar a liberdade. Nunca chegariamos a derrubar o sistema, pero si recuperamos a dignidade que se nos negara. Esa dignidade que non podemos perder no túmulo dos Franco en Ferrol, cunha actuación que, mírese como se mire, será unha enorme covardía.

Deixa un comentario

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.