Puntadas sen fío: Franco sobrevoa a Almudena

Franco_sobrevoa_a_Almudena por Siro

As máis das achegas novedosas que o politólogo Maquiavelo ofreceu aos Príncipes do Renacemento, son sabenzas que veñen de serie nos políticos actuais. Ningún ignora que a política non ten relación coa moral; que nunca faltan razóns para romper a promesa feita; que non paga a pena gañar pola forza o que se pode gañar pola mentira; que non é preciso ser virtuoso, pero é imprescindible semellalo; e tantas outras que, xuntas todas, se resumen na máxima “a fin xustifica os medios”, que Maquiavelo non escribiu, pero recolle fielmente a doutrina exposta no libro O príncipe, que dedicou a Lourenzo de Médicis no século XVI.

Pedro Sánchez sabe todo isto de pe a pa e coma un habelencioso prestidixitador sacou, de bóbilis, bóbilis, unha presidencia da chisteira. Porén, sospeito que o presidente non leu a Maquiavelo. Se o fixese, sabería que a virtú do político, da que tanto fala o florentino, é un conxunto de cualidades, nas que prudencia e previsión son especialmente importantes. Ante calquera conflito, o político de Maquiavelo infórmase, deseña a estratexia e actúa. Non dá xamais puntada sen fío. No conflito de Franco e o Val dos Caídos, o presidente entrou a saco e actuou sen información e sen estratexia. Nin sequera sabía que os Franco teñen mausoleo propio na Almudena e, ao descubrilo, ante a perspectiva de que o Invicto vaia ao centro de Madrid e as peregrinaxes de nostálxicos lle colapsen o tráfico a Carmena, quixo que llo resolvesen o bispo e o Vaticano. Alguén deberíalle advertir: -Tente Sánchez, que coa Igrexa topamos. Ninguén o fixo e as xestións foron un fracaso.

Aínda que o cardeal Reginald Pole, contemporáneo de Maquiavelo, afirmara que O príncipe fora escrito coa man de Satanás, certas actuacións das autoridades eclesiásticas son perfectamente maquiavélicas, e nos enterramentos en sagrado temos un claro exemplo. O Código de Dereito Canónico promulgado pola Autoridade do papa Xoán Paulo II, en 1983, di ao respecto: “Non se deben enterrar cadáveres nas igrexas, a non ser o do Romano Pontífice ou, en igrexas propias, os de Cardeais e Bispos diocesanos, mesmo eméritos”. Faltou unha nota para advertir que habería manga ancha porque templos de toda España acollen a mortos de primeira, selectos e de calidade suprema. En xuño de 2001 o suplemento Crónica do xornal El Mundo informaba de que, ademais das familias con privilexio adquirido no pasado, a arquidiócese de Madrid optara por crear, a cambio de diñeiro, unha nova aristocracia funeraria de familias con grandes fortunas. As doazóns –nestas transaccións as palabras prezo, venda, pago, non existen- ían das 400.000 pts. por un columbario na igrexa de San Martín, aos 20 millóns por unha tumba na Almudena. Por algo Maquiavelo eloxiara a avaricia e a cutrería dos príncipes.

E o maquiavelismo da familia ao sacar o Caudillo do Val para levalo á Almudena? Se lles sae ben, a xogada será perfecta, a non ser por un detalle: o día da resurrección, na vez de se atopar coa dona –triste e soa nunha cripta do Pardo-, Franco vaise dar de fociños co xenro, o marqués de Villaverde; e nin Maquiavelo, que gabou o bo uso da crueldade,  xustificaría tal atrocidade.      

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.