Puntadas sen fío: Fraga, aquela gaita

Puntadas sen fío: Fraga, aquela gaita por Siro
Puntadas sen fío: Fraga, aquela gaita por Siro

Eu aborrecín o Fraga da Transición. Anoxábame a súa voz, o seu xeito de dicir e, sobre todo, anoxábame o que dicía: “Los Pactos de la Moncloa favorecieron al obrero y perjudicaron al empresario”. “Me niego a aceptar el término “nacionalidades” porque crearlo fue un error histórico y es un peligro político”. O peor era cando lle patinaba o embrague no debate parlamentario e facía un discurso absurdo por agresivo e violento. En 1980, ao desaparecer a alusión á Igrexa Católica na Lei de Liberdade Relixiosa, berrou no Congreso: “La única tensión que puede eliminar esa supresión, es la que existe entre los que hacen iglesias y los que las queman”. E xa citei nun artigo anterior como a cabeza lle fervera a cachón, en 1978, no debate sobre o intento de golpe de Estado chamado Operación Galaxia: “La intervención de Gutiérrez Mellado fue una falta de respeto al Parlamento… Responsabilizo al Gobierno y al ministro de Defensa de lo que pasó… El ministro está dividiendo el Ejército… Fue un debate de monos… Esto es una Cámara del Este, por eso quienes más aplauden son Carrillo y su gente”.

Recoñézoo: non podía aturalo e cando, en 1989, fixo a campaña electoral como candidato á presidencia da Xunta e formei parte do equipo que o entrevistou na Voz, coñecín o sabor dos sapos crus. Bieito Rubido e Carlos Luis Rodríguez faríanlle as preguntas máis amábeis e Leoncio González e eu as máis incómodas; pero Leoncio enfermou e quedei so ante o perigo. Largueille a primeira, e arrugou o fociño; á segunda respondeume irado e á terceira co coñecidísimo ruxido do “león de Vilalba”. A partir de aí, nin me mirou.

Gañou as eleccións, entrou na praza do Obradoiro con 1.500 gaiteiros, e eu publiquei a caricatura do novo presidente coa gaita na man. Foi un acerto, pero maior foi o de pintarlla sempre e converter a gaita en símbolo do seu goberno. Non faltou quen nos primeiros días do mandato lle comentase a falta de respecto que para a súa persoa e para a institución supoñía aquela imaxe de presidente-gaiteiro, pero rexeitou a acusación, defendeu a gaita como símbolo de galeguidade e recoñeceu o dereito do caricaturista a facer o seu traballo con liberdade. Eu ignoraba que aquel home feroz era, fóra da escena política, un home con gran sentido do humor, ocorrente, divertido e desde a etapa de embaixador en Londres, coleccionista das caricaturas que lle faciamos, por ferintes que fosen. Sóubeno cando o Director do Gabinete de Comunicación da Presidencia empezou a pedir os orixinais das que lle gustaban e cando na proximidade do Nadal nos convidou a xantar aos viñetistas de todos os xornais. O encontro repetiuse ano tras ano e sempre se sentiu entre nós coma o peixe na auga.

Non sei cantas caricaturas fixen de Fraga coa gaita, pero foron varios centos. Coa gaita foi ver a Fidel e recibiuno en Galicia; visitou ao papa Xoán Paulo II para invítalo ao Xacobeo 92; decapitou e enterrou a Cuíña; mantivo idilios con Paco Vázquez e Beiras; chorou bágoas de chapapote co Prestige e un día perdeu a maioría absoluta e botou a gaita ao lume. Ata os que en nome da memoria histórica conseguiron retirarlle os títulos honoríficos en varias ciudades recoñecen que nos quince anos de mandato sorprendeunos moitas veces gratamente. Eu recoñezo tamén que durante ese tempo mantiven con el unha relación cordial. Milagres do humor e milagres da gaita.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario