Puntadas sen fío: Formación do Espírito Nocional

Rivera, Casado y Abascal: Formación do Espírito Nocional
Rivera, Casado y Abascal: Formación do Espírito Nocional

O xuíz Marchena, presidente da Sala que xulga os líderes do procés catalán, resolveu unha demanda das defensas para que os acusados declarasen en catalán, autorizándoos a facelo, non con tradución simultánea como pedían -porque só os entenderían quen tivesen auriculares no interior da sala-, pero si coa axuda de intérpretes que traducirían as súas palabras cada pouco. Oriol Junqueras, o primeiro en declarar, decidiu que o método non era práctico e preferiu expresarse en castelán, o que lle deu a oportunidade de chegar ás xentes todas da España que tanto ama. Coma el fixeron os demais e fixeron ben, porque, se teñen difícil xustificar as súas accións coa propia voz e no castelán que todos entendemos, non digo nada de tentalo con voz allea e en tradución consecutiva.

Falando claro, o catalanismo e o idioma catalán producen retorzóns de tripa a gran parte dos votantes de dereita en España. Probouno en 1996 aquel «Pujol, enano, habla castellano» que na noite electoral berraba unha morea de votantes do PP, ebrios de éxito, na rúa Génova ante a sede do partido. Aznar, que para gobernar en maioría precisaba os escanos de CiU, correu a desagraviar ao honorable declarando que el tamén falaba catalán na intimidade e transferindo a Cataluña 400.000 millóns de pesetas.

A xenreira ao catalanismo e o menosprezo ao idioma catalán veñen de atrás, de cando Unamuno escribía en 1908: «La Iglesia puede y debe adoctrinar a cada cual en su lengua materna, pues que trata de salvarle el alma, y para eso no hace falta cultura; pero el Estado, que es y debe ser ante todo un órgano de cultura, debe imponer la lengua de cultura. Y de cultura moderna no hay más que una lengua en España: la lengua nacional, la española». Non me estraña que dez anos despois escribiría nunha carta a Azaña: «Cataluña ha de acabar, y muy pronto, por separarse del todo del Reino de España».

Ortega mostrábase menos pesimista e máis pragmático: «Digo, pues, que el problema catalán es un problema que no se puede resolver, que sólo se puede conllevar; que es un problema perpetuo, que ha sido siempre, antes de que existiese la unidad peninsular, y seguirá siendo mientras España subsista; que es un problema perpetuo, y que a fuer de tal, repito, sólo se puede conllevar». 

Levámolo bastante ben ata que ao PP se lle ocorreu denunciar no Tribunal Constitucional o Estatuto de Autonomía de Cataluña de 2006, que fora referendado en Cataluña, aprobado nas Cortes españolas e asinado polo rei. Aquilo supuxo o aumento progresivo do voto independentista e, cando en 2015 acadou a maioría parlamentaria en Cataluña, os líderes sobrevaloraron as propias forzas, subestimaron as do Estado, apostaron pola declaración unilateral de independencia e proclamaron unha república catalá inviable. Por iso están a ser xulgados polo Tribunal Supremo e foron xa xulgados e condenados polos portavoces de PP, C’s e Vox, que os tachan de golpistas. O que pasa é que todo indica que non van ser condenados por rebelión e, se é así, unha vez máis políticos e comentaristas políticos sentirémonos irmandados no ridículo. Todos deberiamos coñecer o significado de termos como Estatuto, Constitución, nacionalismo, autodeterminación, soberanismo, rebelión, secesión… Todos necesitamos con urxencia un curso de Formación do Espírito Nocional.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.