Puntadas sen fío: Filosofía, para que?

José Ignacio Wert por Siro
José Ignacio Wert por Siro

En 1968 chegou ao ministerio de Educación o profesor valenciano José Luis Villar Palasí coa Ley General de Educación y Financiamiento de la Reforma Educativa baixo o brazo, que se concretou na creación da EXB, o BUP, a FP e a UNED; e nas obrigas do ensino primario entre os 6 e 14 anos, e do estudo das linguas vernáculas nas comunidades bilingües. A aplicación da Lei da Memoria Histórica fará desaparecer o seu nome de varios colexios na Comunidade Valenciana.

Ningún outro titular de Educación -e en democracia houbo 13 ministros e 5 ministras- volveu ter un programa educativo e todos se limitaron a parchear o anterior. O temario de Filosofía e as horas lectivas con Villar Palasí permitiran aos bachareis chegar á universidade con certa formación filosófica, polo que os seguintes ministros apenas os tocaron. Todo ía ben -ás veces relativamente ben- ata que ao presidente Rajoy se lle ocorreu nomear ministro de Educación a José Ignacio Wert, o 22 de Nadal de 2011, coma se dun premio da lotaría para a comunidade educativa se tratase. Debeuno deixar para o 28, día dos Santos Inocentes, porque inocentada foi a designación, e non premio. Nos catro anos que se mantivo no cargo foi o membro do Goberno peor valorado e conseguiu o nunca visto: un plante dos 79 reitores das universidades españolas.

Wert eliminou as materias de Educación para a cidadanía e Ética, e converteu a Historia da filosofía, antes obrigatoria, en optativa; e só en Humanidades. As protestas producíronse dentro e fóra do ámbito educativo, pero o ministro nunca perdeu o sorriso despectivo de quen se pregunta: Filosofía, para que? Podería, se quixese, ter a resposta na declaración da Unesco: «A filosofía dános as bases conceptuais dos principios e valores dos que depende a paz mundial: a democracia, os dereitos humanos, a xustiza e a igualdade. A filosofía axuda a fortalecer os auténticos alicerces da coexistencia pacífica e a tolerancia».

O peor da lei Wert foi que chegou no momento en que a filosofía interesaba a numerosos docentes que descubriran, a través dos filósofos e pedagogos americanos Matthew Lipman e Ann M. Sharp, a conveniencia de levala ás aulas de ensino primario. Un conto de Eduardo Galeano fala dun neno que non coñecía o mar. O pai levouno a velo e cando, despois de moito camiñar, o mar estalou ante os seus ollos, o neno colleu a man ao pai e pediulle: «Axúdame a mirar». Que nos axuden a mirar é necesidade por todos sentida ao longo das nosas vidas, e de nenos especialmente. Lipman partía da curiosidade innata dos nenos para potenciar neles a liberdade do pensamento reflexivo e a comprensión ética. Os seus libros foran publicados por Ediciones de la Torre -un par deles en galego-, e a súa demanda, co éxito editorial doutras publicacións para adolescentes, como El mundo de Sofía, do noruegués Jostein Gaarder, move a pensar que aquel era o gran momento da filosofía na escola. O recente acordo dos grupos parlamentarios para desfacer o entorto da lei Wert é unha boa nova, pero o dano feito foi grande. E non obstante a Lei de Memoria Histórica non podería impedir que tan nefasto ministro dese nome a un instituto.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies