Puntadas sen fío: Españolito que vienes al mundo

Puntadas sen fío: Españolito que vienes al mundo por Siro
Españolito que vienes al mundo por Siro

Teño en Madrid unha amiga e na Coruña un amigo, moi de dereitas os dous, que cada día me envían de tres a seis vídeos poñendo ás esquerdas como chupa de dómine. As máis das veces nin os abro e reenvíollelos cruzados: os del a ela, os dela a el; e así quedamos contentos os tres. Pero hai un mes empezaron a chegarme os dun curmán meu, de Ferrol, na mesma liña ideolóxica e, aínda que durante un tempo apliquei a táctica do ménage à trois ao ménage à quatre, e ía ben, a semana pasada decidín deixar o xogo e recoñecer a miña derrota porque conseguiron romperme o equilibrio e o sosego.

Como se non houbese razóns obxectivas abondo para criticar a xestión do Goberno, sometéronme a un bombardeo de noticias falsas relacionadas co coronavirus, que ían das dúas ambulancias que Irene Montero tivo á porta da casa mentres estivo infectada de coronavirus; á denuncia de que o Goberno mercou tests a unha empresa fantasma chinesa para non facelo á española Genomica, porque a directora é irmá de María Dolores de Cospedal.

Todo falso. Na casa de Pablo Iglesias e Irene Montero non fixo garda ningunha ambulancia, e a empresa Genomica confirmou que non sufriu veto do Goberno e toda a produción queda en España. Pero iso non importa porque cadaquén cre o que quere crer e o meu curmán afirma que tivo aquel famoso número da revista La Codorniz, que na portada mostraba o tren entrando nun túnel, na contraportada o tren saíndo do túnel, e as follas do interior en negro. Ese número nunca se publicou, non existiu; pero el cre que o tivo.

Non me renderon os bulos da dereita radical, nin sequera os recibidos nos últimos días, absolutamente noxentos, nos que se manipula a dor das familias vítimas do virus. A foto dunha sala chea de ataúdes “que Sánchez e Iglesias no quieren que veas porque son responsables de ello”, foi tomada en Lampedusa, Italia, en 2013. O vídeo dos cadáveres metidos en bolsas de plástico e amoreados no chan, con xente que pasa entre eles, non se fixo no Palacio del Hielo de Madrid, como se di na presentación, senón nun hospital de Guayaquil, Ecuador. Rendeume o odio que hai en argalladas tan perversas e na linguaxe que as presenta: “Este gobierno de indeseables, mentiroso y criminal, con 18.000 muertos”, “El genocidio que se está practicando con nuestros mayores”.

Un amigo preguntoume como actuaría a esquerda se gobernase o PP, e respondinlle que, probablemente, unha parte, a máis sectaria, faríao igual que esta parte obscena da dereita. En España temos un conflito de convivencia porque as catro décadas de democracia non pecharon as feridas da Guerra Civil; pero vén de atrás. Os versos “Españolito que vienes/ al mundo te guarde Dios/ una de las dos Españas/ ha de helarte el corazón”, publicounos Antonio Machado en 1912. Moito antes, en 1876, cando, apenas rematada a última guerra carlista, se redactaba o borrador da Constitución e había que especificar quen eran españois, o presidente Cánovas del Castillo, conservador, dixo: “Escriban: Son españoles los que no pueden ser otra cosa”.

Díxoo en broma; pero pensalo, quizais o pensou en serio.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies