Puntadas sen fío: O meu Eduardo Blanco-Amor

O meu Eduardo Blanco Amor por Siro-1
O meu Eduardo Blanco Amor por Siro

Coñecín a Eduardo Blanco-Amor no ano 1972, no Seminario do Libro Galego, que se celebrou nas instalacións das Cerámicas do Castro, en Sada. Eu levara unha carpeta con caricaturas de protagonistas da actualidade, que presentara na miña primeira exposición, en Ferrol, dous anos antes e, cando Eduardo as viu, foinas ollando de vagar, co sorriso nos beizos, facendo comentarios moi asisados de cada unha. Meses despois fixen a súa e envieilla. Non puiden facerlle mellor agasallo. Reloucou de contento e faloume, entusiasmado, de “ese xenial puño de bastón en que converteches o meu nariz”. Despois vímonos e confesoume que o nariz de garfo non o sorprendera, porque sabía que o tiña; o que o deixara pasmado era “o papo de cardeal renacentista”, no que nunca reparara.

Entre nós naceu unha amizade afortalada por un sentido do humor que compartiamos. Non recordo un encontro sen risas provocadas polas súas frases enxeñosas ou comentarios ferintes, que en todo era extraordinariamente hábil. Eu admireino, quíxeno, e, ao recordalo, véxoo como un dos personaxes que enriqueceron a miña vida.

Tiven a satisfacción de xestionar a única homenaxe que se lle fixo en vida. En Perlío, concello de Fene, na ría de Ferrol, o 10 de nadal de 1976. A  iniciativa foi do Grupo de Teatro do Círculo de Perlío, dirixido por Celestino Ledo e cun elenco de excelentes actores e actrices. Co local ateigado de xente, o grupo representou O Cantar dos Cantares, de Eduardo, que ía dicindo o texto en voz baixiña, ao mesmo tempo que os intérpretes. Gustoulle a representación e agradeceuna cun discurso moi enxeñoso. Despois, na cea, pregunteille que tal era el como actor. Riu e comentou que cando dirixía en Bos Aires o Teatro Popular Galego, enfermou un actor secundario e el sustituiuno. A obra desenvolvíase no século XVII, polo que os protagonistas vestían roupa de época. Ao día seguinte o crítico de La Naciónescribiu: “como actor, el señor Blanco Amor lo único que lució fueron unas hermosas pantorrillas”.

Non só as “pantorrillas”; todo o seu corpo era fermoso. De novo fora guapo, moi ben constituído e, para que se soubese, fíxose fotografías espido, recollidas, en parte, no libro “A ollada do desexo”. Morreu en Vigo, en nadal de 1979, con 82 anos cumpridos, e seguía a ser o “dandi”, que un grupo de teatro homenaxeara en Perlío.

Carlos Laíño, un dos amigos con quen máis conviviiu nos últimos anos. propúxome aportar as caricaturas de Eduardo á mostra que estaba a arranxar coas edicións das súas obras en todos os idiomas e cos recordos que del conservaba. Díxenlle que prefería crear unha nova iconografía, con debuxos a pincel, en gran formato. Non sabía canto tempo podería tracexar aqueles riscos, pero estaría encantado de rematar cos de Eduardo. A do Círculo de Perlío fora a homenaxe do Grupo de Teatro; esta iconografía sería a miña.

Hoxe, en Ourense, inaugúrase a mostra conxunta por iniciativa da Fundación Blanco Amor. Cada retrato, caricatura e “visión” é un reflexo do Eduardo que recordo. Nos máis deles, un Eduardo con liñas de cores vivas, en primavera permanente. Nos que tentei afondar no seu interior, aquel home complexo e entrañable que me inspirara tanta tenrura. No conxunto está o meu Eduardo Blanco-Amor.   

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.