Puntadas sen fío: Dous homes de humor

Dous homes de humor por SiroDeixáronnos en días consecutivos. O 26, o escritor e mestre de escola Xavier Puente Docampo, e o 27, o político e profesor universitario José Luis Meilán Gil. Á parte da dedicación á docencia en ámbitos moi distintos, probablemente non había nada en común entre estes dous homes, a non ser o sentido do humor.

En Xavier percibíase de contado porque levaba a risa nos ollos e cascara a voz espallando cordialidade e simpatía ao seu redor. Imposible atoparse con el sen que o saúdo fose acompañado dunha broma ou dun comentario gracioso. O humor formaba parte daquela aura de bonhomía que percibía quen a el se achegaba.

En Meilán, tan circunspecto, tan elegante, tan correcto sempre, o sentido do humor non era perceptible nin imaxinable por quen non tivese a oportunidade de oílo manexar a ironía e o enxeño como o toureiro a muleta e o estoque. A expresión do rostro, enmarcada nas cellas que lle rubían en ángulo pola fronte, era a mesma se pronunciaba un discurso académico ou facía un comentario satírico. O seu era o que, tradicionalmente, vén chamándose «humor inglés», que tanto pode ser o de Óscar Wilde, coma o de Dickens, Chesterton ou Sterne.

Sabedor do moito que valoraba o humor, visiteino en marzo de 2003 no despacho de rector e propúxenlle que a Universidade de A Coruña fose a primeira en crear unha Aula do Humor. As cellas de Meilán disparáronse ata o nacemento do pelo mentres repetía en voz queda: unha Aula do Humor. Quixo coñecer o programa e paseíllo nun par de folios; preguntoume polo profesorado e faleille dos tres xoves licenciados en Letras cos que me reunía, desde había meses, para estudar e mellorar os textos que eu arranxara durante anos. Entusiasmouse e o 22 de abril convocou á prensa para dar a boa nova de que a Universidade de A Coruña poría en marcha a Aula de Humor na Sociedade e mostrar o precioso cartel que a publicitaba. La Voz de Galicia deu a noticia a toda páxina e informou de que o primeiro curso se impartiría do 9 ao 31 de maio, tería un máximo de 30 prazas e recibiría dous créditos de libre configuración. Eu expliquei que o temario rebasaría fronteiras temporais e xeográficas, e permitiría rescatar a memoria de grandes creadores de humor, descoñecidos polos xoves. A modo de exemplo citei a Julio Camba e lin o artigo que dedicou aos políticos galegos en La rana viajera, e que comeza dicindo: «Galicia es tierra de sardinas y de políticos. Las sardinas nacen unas de otras, y los políticos también». Meilán non deixou de rir durante a lectura e, ao rematar o acto, díxome: «Vai ser un éxito». Estaba certo de que gañaría as inminentes eleccións, pero perdeunas e cando visitei a Xosé María Barja, o seu sucesor, para falarlle da Aula do Humor, díxome que non había cartos e o proxecto quedou en nada.

Como Meilán irá ao Ceo polo atallo e eu recoñezo que, para non ser crente, Deus se porta moi ben comigo, pode que algún día nos vexamos alá arriba e poidamos poñer en marcha a nosa Aula do Humor. Eu lerei algúns contos divertidos e tenros de Docampo para poñer un sorriso nas bocas de santas e santos, que, a verdade, boa falta lles fai.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

1 comentario en “Puntadas sen fío: Dous homes de humor”

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.