Puntadas sen fío: Descubrir a sexualidade

Puntadas sen fío: Descubrir a sexualidade por Siro
Puntadas sen fío: Descubrir a sexualidade por Siro

Eu souben como se fan os fillos o mesmo día que deixei de crer nos Reis Magos. Díxonolo Anselmo, un amigo algo maior, a Arturito e a min unha tarde no Cantón, mentres botabamos faragullas de pan aos peixes do estanque. O dos Reis xa o sospeitaba e non me causou ningunha dor, pero saber que os nenos se facían cun acto que era un enorme pecado deixoume abraiado. Aínda lembro o arrepío que sentía cada vez que o noso ilustrador me dicía entre risas:

-Así que xa ves,teu pai e túa nai…

-¿E cantas veces hai que…para chegar a facer un neno?

-¡Home, coño… cun pouquiño cada vez, se cadra cen veces ou máis!

No camiño de volta Arturito espetoume:

-Por eso os meus padriños non tiveron fillos: porque non lles gusta facer as cochinadas.

Sentín aquelas palabras como unha coitelada na alma, porque era certo: os padriños de Arturito non tiveran fillos e trouxeran de Lugo a tres sobriños – el e dúas irmás-, aos que criaran con agarimo de pais; pero os meus eran pais de verdade e tiveran tres. Cheguei a casa tan triste que nin cear puiden e estiven calado, sen erguer os ollos do prato. A min non me importaría que meu pai o fixese con outras mulleres, pero coa miña nai…

O día de san Xoán, moitas familias do barrio fomos pasalo á Gandara, próxima a Ferrol. O verán era de moita calor e nin as sombras do piñeiral  evitaban que os maiores se sentisen afogados. Eran homes e mulleres con idades entre coarenta e cincoenta anos, pero aparentaban máis pola roupa que vestían e as actitudes que sostiñan. O refrán que recomenda “de corenta para arriba non molles a barriga” seguíano todos e cando ían ás praias o máis que facían era pasear descalzos pola beiramar; pero aquel día de calor abafante alguén con bo humor propuxo que os homes se bañasen e, como ningún tiña traxe de baño, que o fixesen coas bragas da súas mulleres. Foi unha risa, porque unha tras outra foron cedendo a prenda íntima, agás miña nai, que resistiu ata que meu pai, axeonllado ante ela, recitou o Tenorio, chamándoa “paloma mía”, “gacela mía”, “hermosa mía” e recordoulle que todo arredor dela respiraba amor.

Apareceron os bañistas con bragas brancas, rosas, azúes… A uns quedábanlles grandes e tiñan que termar delas, a outros éranlles pequenas e por moito que as subían non daban tapada a regaña. Camiñaron cara o mar nas puntiñas dos pés, entre as risas e os aplausos doutras familias que se achegaran a ver o espectáculo. O malo foi cando saíron da auga porque as bragas pegáranselles ao corpo e transparentaban todo. Foi cómico velos correr cara o lugar onde deixaran a roupa, tapando coas mans o pecado. Eu sentía vergonza pero non deixaba de rir.

Polo serán volvemos a Ferrol a pé, cantando en grupo, como tantas veces. Meu pai levaba nunha man o garrafón baleiro e coa outra collía a miña. Gustábame oílos cantar, tan afinados, facendo voces; e sentíame fachendoso cando meu pai empezaba unha canción e os demais seguíano. Así, andando e cantando chegamos cabo da miña nai, que ía algo diante de nós con outras mulleres. Entón busquei a súa man e rematei o camiño collido aos dous. Non eran perfectos, pero eran meus pais.

Contéillelo onte ás miñas netas, de 13 e 20 anos, e riron moito; pero non sei se me crerían.

Deixa un comentario