Puntadas sen fío: A derradeira lección do mestre

Puntadas sen fío: A derradeira lección do mestre por Siro
Puntadas sen fío: A derradeira lección do mestre por Siro

Titulo este artigo co texto que Castelao puxo, en 1937, no extraordinario debuxo-homenaxe aos mestres republicanos asasinados na represión franquista. Ata agora esas cinco palabras, sonoras e rítmicas coma un verso épico, facíanme visualizar imaxes distintas, pero igualmente emotivas: a que pode ser a mellor estampa de guerra de Castelao e referente obrigado no debuxo de guerra en Europa; e as da escena final da película Esta terra é miña, dirixida por Jean Renoir en 1943, na que un mestre de escola a piques de ser detido e fusilado por militares nazis, fala por última vez aos alumnos: “Sei que xa non darei máis clases e como a lección de hoxe será moi breve, escollín un bo libro. O que ides oír escribírono grandes homes unha noite de entusiasmo, hai 150 anos. Eran homes de diferente condición. Habíaos prósperos e pobres, relixiosos, comerciantes… E non entraron en polémica. Acadaron o acordo aquela noite marabillosa. Outros homes quererán destruír este libro e pode que acabe no lume; pero non o borrarán da vosa memoria. Recordarédelo sempre. Velaí a vosa enorme importancia. Sodes o novo país”. E le, artigo a artigo, a Declaración dos dereitos humanos.

Desde o día 16 o texto do debuxo de Castelao recórdame tamén a Samuel Pati, o profesor morto e decapitado en Francia por un rapaz de 18 anos, dunha familia de refuxiados chechenos, fanatizado polo integrismo islamista. O profesor Pati tiña 47 anos, muller e un neno de cinco.

En Francia segue vixente a proposta pedagóxica de Constantin Freinet, nos anos trinta do pasado século, para que a escola saia ao encontro da vida. Iso supón que a práctica educativa debe ser participativa, aberta e crítica; e a relación profesor – alumno fluída abondo para que os rapaces se sintan protagonistas do seu proceso educativo. Era a do profesor Pati, a quen os alumnos describen como un home ledo e cercán, que se sentía orgulloso deles, animábaos a mellorar e facía interesantes e amenas as materias que impartía: xeografía, historia e educación moral e cívica. A comezos de outubro, nunha clase sobre a liberdade de expresión, dispoñíase a mostrar as viñetas alusivas a Mahoma, publicadas na revista Charlie Hebdo, en 2015, que causaran un brutal atentado islamista, e, respectuoso cos alumnos musulmáns, autorizounos a saír da aula se desexaban facelo. Era unha lección práctica de “educación cívica e moral”, que o fanatismo islamista non entendeu. O pai dunha alumna colgou nas redes sociais vídeos descualificando ao docente. Un membro do consello de imáns de Francia, coñecido polo seu radicalismo, esixiu á directora do centro escolar o despido de Pati e chamou á mobilización para conseguilo. Foi un linchamento público que Gabriel Attal, portavoz do Goberno, denunciou en TV.

O asasino fotografou o cadáver decapitado e colgou en twitter a imaxe cunha mensaxe dirixida ao presidente Macron: “Executei a un dos teus cans do inferno que ousou rebaixar a Mahoma”. Todo é horrendo. O grotesco é que os crimes islamistas se cometan en nome de “Alá o Misericordioso”.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn
WhatsApp
Email

Deixa un comentario