Puntadas sen fío: La derechita valiente e El Jueves

Puntadas sen fío: La derechita valiente e El Jueves por Siro
Puntadas sen fío: La derechita valiente e El Jueves por Siro

No ano 1884 desaparecía en París baixo a lei que restablecía a censura, a revista satírica La Caricature, fundada cinco anos antes con Daumier como principal caricaturista e humorista gráfico. O editor e director Charles Philipon publicou un editorial de despedida:

“Para crebraren os nosos lapis crearon unha lei contra nós; unha lei que fai imposible seguir a obra que estivemos a realizar malia as incontábeis incautacións, os arrestos inxustificados, as multas esmagadoras e as longas detencións. É que nós tiñamos o valor que dan a consciencia de exercer un dereito e a certeza de obrar ben. Si, nós obrabamos ben! Desenmascaramos aos farsantes que actuaron ao longo de quince anos, aos apóstatas da liberdade, poñéndoos na picota do noso xornal e dando despiadadamente a súa imaxe á burla do pobo que explotan. Agora poden rachar as denuncias que a nosa xustiza puxo sobre as súas cabezas, mais non lles será tan doado borrar ou facer esquecer os estigmas de vergoña con que os sinalamos estes cinco anos”.

As palabras de Philipon convertéronse nun manifesto en defensa do humor, que asumiron editores de espírito revolucionario en publicacións satíricas europeas e americanas e mantívose ata hoxe. As ditaduras e o matonismo que as defende aborrecen a crítica feita con humor, de aí que a redacción de La Codorniz fose asaltada, en 1955, por un grupo de falanxistas e que, anos despois, se convertese en obxectivo dos Guerrilleiros de Cristo Rey. A noite en que foron atacala toparon na porta co debuxante Alfonso Abelenda, tan listo como simpático, que os levou a un bar próximo, botoulles un discurso, apañaron unha trompa xuntos, e a agresión quedou en nada. Non había un Abelenda na revista El Papus,en 1977, cando a Triple A enviou á redacción un paquete bomba que matou ao conserxe, danou gravemente á secretaria e causou feridas a dezasete persoas. Malia os cambios sociais producidos e entendermos a ridiculización de institucións e personaxes públicos en textos e viñetas como un dereito democrático, aínda en 2016 a directora de El Jueves foi agredida por un encapuchado despois que nunha portada se alertara sobre o auxe do feixismo.

Vox é un partido político de extrema dereita que participa no xogo democrático con dúas regras propias: dar leña ao contrario, valéndose da mentira, cando ataca; e botarse ao chan, finxindo unha agresión, cando defende. E a verdade é que ver a la derechita valiente coller unha perrencha porque El Jueves publicou unha serie titulada La pandilla Voxura coas caricaturas dos líderes, resulta máis cómico e fai rir moitísimo máis que os deseños, de gusto certamente cuestionable. A dirección de Vox puido recurrir á Xustiza e denunciar o agravio, pero optou por outra medida radical que Abascal aprendeu en Euskadi cando ETA mataba: colgou na conta de Twitter a foto do editor de El Jueves, o enderezo do seu centro de traballo e advertiu de que moitos poden empezar a esixirlle responsabilidades cando saia do despacho. Si, tal como facían as publicacións vencelladas a ETA. Igualiño de noxento. Pois a secretaria do grupo no Congreso xustificouno porque El Jueves “promueve el odio igual que antes ocurría con Egin y Gara, donde se ponía la diana y otros disparaban”. Faltoulle rematar cun “ojo por ojo, diente por diente” e berrar “¡Muera la inteligencia!”, claro.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies