Puntadas sen fío: Covardías

Covardías por Siro
Covardías por Siro

A semana das eleccións empezou mal para o PP porque o día 25 a corporación municipal de Ferrol decidía, a proposta do BNG, retirar a Fraga o título de Fillo Adoptivo que se lle concedera en 1965, cando era ministro de Información e Turismo. Eu non digo que Fraga merecese tal distinción e por deixarnos o embolado da Cidade da Cultura quitaríalle todos os títulos honoríficos que se lle concederon en Galicia; pero por ser ministro franquista… O grupo municipal do PP argumentou que Fraga é un dos pais da democracia, elixido presidente da Xunta de Galicia, con maioría absoluta, en catro lexislaturas; pero o portavoz do BNG respondeu que iso non se cuestiona, senón o seu servizo á ditadura. Pois digo eu que se Fraga foi ministro aperturista de Franco, pedra angular da Transición, político demócrata durante 35 anos e conseguiu, ademais, erradicar a extrema dereita do mapa político español, debeuse ter en conta todo isto como “eximente incompleta e circunstancias atenuantes”, e desposuílo a tempo parcial -6 anos e un día, por exemplo- e non a perpetuidade. Nisto da memoria histórica cómpre sermos serios e rigorosos.

Nin sería, nin rigorosa, nin leal ao fundador é a executiva do PP galego, que, malia o Twitter de Feijóo, actuou como a dereitiña covarde que denuncian os líderes de Vox. Por certo, Cayetana Álvarez de Toledo coidaba que “la derechita cobarde” era o PP de Rajoy, non o de Pablo Casado, chantado sen complexos na dereita-dereita. Ortega Smith, secretario xeral de Vox, sacouna do erro ao falar do PP como “esa derechita cobarde que ahora nos copia los discursos y las palabras”. As urnas demostraron que, postos a elixir, os votantes da dereita-dereita preferiron o orixinal á copia.

Alfonso Guerra veu presentar á Coruña o seu libro La España en la que yo creo e, aínda que en ningún momento se referiu á esquerda constitucionalista como “la izquierdita cobarde”, quizais non lle faltasen gañas de facelo. Despois de recordar que, en 1978, os máis dos españois  –case o 90% do electorado- aprobamos a Constitución, como consagración da liberdade, describiu a situación actual con realismo: “Si defiendes a tu país, te calificarán de cómplice de la derecha; si expresas respeto a los símbolos de la nación española, serás motejado de facha; y lo que es aun peor, los defensores de la Constitución, de España y de su integridad van reculando en sus posiciones hasta conformar un ejército de descontentos acobardados ante la violencia agresiva de unos grupos minoritarios de nacionalistas y antisistema que van avanzando en el dominio de la cultura política del país”. Dicir, non o dixo; pero case.

Eu si quero dicir “sen case” do xornalismo covarde, e non uso o diminutivo porque ese xornalismo sectario, sen ética, que difama e aldraxa impunemente, ten, por disgracia, gran eco social. Os ataques a José Félix Tezanos, presidente do CIS por anunciar cun mes de antelación o éxito electoral do PSOE e a debacle do PP, é un bo exemplo. O barómetro do CIS de Tezanos era un timo e o Masterchef Tezanos a vergonza do CIS. O CIS de Tezanos cravou os resultados como nunca ocorrera, pero ningún dos moitos que o aldraxaron pediron desculpas.

Ese non é o xornalismo que García Márquez tiña polo oficio máis fermoso do mundo. E eu tamén.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.