Puntadas sen fío: Coronavirus e Pedro Sánchez

Coronavirus e Pedro Sánchez por Siro
Coronavirus e Pedro Sánchez por Siro

Non serei eu quen exima o Goberno das escandalosas meteduras de pata cometidas na crise do coronavirus, pero quero subliñar as peculiaridades dalgunhas críticas que nada teñen que ver con elas.

A primeira recibina na longuísima mensaxe de WhatsApp dun médico que, por imperativo moral, quere informar á poboación da gravidade da pandemia «porque los impresentables de este Gobierno, que saben la verdad, se la han ocultado». E para que cadaquén coñeza a realidade e actúe en consecuencia, larga un relatorio apocalíptico sobre o presente e o futuro, que, ao rematar a lectura, tes que facer ioga para non saír a fume de carozo ao supermercado e baleirar os estantes das conservas, pastas, arroces e papel hixiénico. O que este médico vén dicir é que en tres meses estaremos todos infectados, o sistema sanitario público e privado colapsado e imporase a medicina de guerra: «Cuando por cada cama libre haya siete personas esperando, los profesionales tendrán que decidir a quién atienden y a quién mandan a casa, diciéndoles que les enviarán un médico y una bombona de oxígeno, que no llegará nunca porque también se habrán acabado». Vale, non sigo, remato aquí.

Despois chegoume o audio que unha médica de familia colgou na rede, tamén por ética profesional, para facernos saber que as medidas decretadas polo Goberno son «innecesarias e nocivas». Innecesarias porque non estamos ante una enfermidade grave, xa que o 95 % dos infectados recupéranse con tratamento coñecido; moitos nin sequera chegan a padecela, e só o 3 % morren, por mor dun sistema inmunolóxico minguado a causa doutras patoloxías ou hábitos tóxicos, como o tabaquismo. E nocivas porque o illamento da poboación sa pode provocar patoloxías varias por sedentarismo e inacción vital. Por iso pide á sociedade que o medo á libre circulación desapareza, para que poidamos potenciar o noso sistema inmunitario con exercicio, sol e actividades lúdicas; e a Pedro Sánchez, que devolva a normalidade ás nosas vidas.

A terceira crítica veume nun chío dunha moza que, desde a óptica economicista, opina: «¿Qué preferimos? ¿Media docena de ancianos inútiles muertos o toda la economía de un país absolutamente destrozada (de nuevo)? No sé vosotros, pero a mí me sobran momias por la calle».

Recibín moitísimas máis, claro, pero as do agoireiro, a escéptica e a neonazi fixéronme pensar nos arbitristas que no século XVII ofrecían ideas disparatadas para resolver os gravísimos problemas da nación arruinada. Cervantes foi quen primeiro os levou á literatura, en El coloquio de los perros; pero o seu arbitrista é un coitado, un don Quixote da ciencia, e trátao con benevolencia. Non así Quevedo, que os compara cos demos e co mesmísimo anticristo.

Coido que, para arredar a nosa atención das asneiras do Goberno, Pedro Sánchez debería arranxar, a porta pechada, e retransmitilo por televisión, un apaixonante e divertidísimo debate de arbitristas actuais, no que estivesen políticos da oposición, médicos e científicos discrepantes e xornalistas lingoreteiros. Destes, unha ducia polo menos. Comigo que non conte. Para arbitrista non vallo, que desde mozo sigo a Sócrates e con el repito «só sei que non sei nada». E de coronavirus, nada de nada.

1 comentario en “Puntadas sen fío: Coronavirus e Pedro Sánchez”

  1. A rapaza que opina sobre as momias que vé pola rúa, pobriña, non sei quén é, nin me interesa, non me gustaria que fora a miña filla, nin a miña muller, nin siquera a amante…con esa bagaxe intelectual recoméndolle que vaía para un zoo, e que conviva alí cos que teñen o seu mesmo coeficiente no intelecto.

    Responder

Deixa un comentario