Puntadas sen fío: Coronavirus, Angelita e Jacinto

Puntadas sen fío: Coronavirus, Angelita e Jacinto por Siro
Puntadas sen fío: Coronavirus, Angelita e Jacinto por Siro

Un dos contos máis conmovedores de Castelao fala de dous vellos que tamén tiveron mocidade, que casaron por amor e viviron amándose totalmente, sempre xuntos. Un día leváronlle o viático ao vello e o seguinte morreu.
A compañeira dos seus días vestiuno, afeitouno e púxolle as mans en cruz.

Despois entraron catro homes e sacaron a caixa onde ía o morto. A vella saíu á porta da casa e coa voz amorosa dos días da mocidade, despediuse do seu compañeiro:

— ¡Deica logo, Eleuterio!

E os veciños taparon as bocas e riron cos ventres. A despedida da vella foi rolando e chegou ao Casino, e o “deica logo Eleuterio” converteuse en motivo de risa.

Todos, todos riron e ninguén se decatou da dor coa que a vella namorada chamará pola morte aquela noite.

Hoxe, 19 de marzo, morreu en Madrid, por infección de coronavirus, o meu amigo Jacinto. El e Angelita, a muller, tamén se coñeceron moi novos, casaron namorados e viviron un para outro. Xente boa, cordial, xenerosa, divertida, foron outros país para a miña filla, compañeira da súa na Universidade.

Jacinto tiña algún ano máis ca min, pero estaba ben de saúde; facía cada día longas camiñatas sen perder o folgo e hai dúas semanas, nunha revisión rutinaria, confirmáronlle o bo estado do aparato respiratorio. Porén o coronavirus venceuno en pouco tempo. O luns ingresárono no hospital e hoxe, cando o fillo foi compartir con el os 30 minutos autorizados, dixéronlle que acababa de morrer. A Jacinto non o axudou a morrer Angelita, a compañeira dos seus días.  Morreu so, como as máis das vítimas do coronavirus; na soidade arrepiante de quen non ve un rostro querido, de quen non sente a calor da man amiga. Porén, non é menos cruel a soidade da viúva. Non puido ver o cadáver, estar co cadáver, pensar e sentir ante o cadáver; despedilo, quizais, cun “deica logo Jacinto”, que todos entenderían e non faría rir a ninguén. En Paseta arredor da morte, no capítulo titulado A realidade comunicativa do cadáver, García-Sabell di que o morto é xa unha ausencia e, endebén, ante o cadáver do ser querido temos a convicción de que unha parte nosa, que estaba nel, vaise con el; pero tamén que unha parte súa queda en nós. Ese consolo non o  puido experimentar Angelita, que, ademais, debe sufrir a anguria da perda do home, soa, confinada, sen o alento dos seus. Eis a verdadeira traxedia desta pandemia: unha nova enfermidade, unha nova morte, unha nova dor para as que, hoxe, non hai resposta.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies