Puntadas sen fío: Unha conversa coa raíña Letizia

Puntadas sen fío: Unha conversa coa raíña Letizia por Siro
Puntadas sen fío: Unha conversa coa raíña Letizia

Conta nas memorias a infanta Eulalia, irmá menor de Alfonso XII, que cando, por razón de Estado, quixeron casala con Carlos de Braganza, futuro rei de Portugal, non aceptou, malia ser o príncipe un bo amigo que podería inspirarlle amor; pero, se xa lle pesaba a diadema do infantazgo, que non lle pesaría unha coroa?

Letizia Ortiz tíñao moitísimo máis difícil que a infanta Eulalia e, aínda así, deu o paso e meteuse no avispeiro da Casa Real. A culpa tívoa o príncipe Felipe, tan guapo e seductor; pero tamén Perrault e os irmáns Grimm, que falsearon o conto da Cincenta. Porque a nobreza daquel reino viu sempre á princesa Cincenta como unha criada co nariz manchado de feluxe; e as mozas plebeas, casadeiras, que probaran sen éxito o zapatiño de cristal, aborrecérona e non deixaron de reprobar o seu xeito de falar, de vestir, de actuar… O certo é que o Príncipe Azul e a Cincenta non foron felices e comeron perdices ata superaren un par de crises matrimoniais, causadas polo ambiente hostil e o marujeo.  

A Letizia xornalista era un encanto. Un colega que traballou con ela dicía nun artigo: “Ahora que todo el mundo arremete contra Letizia, ¿cómo era la Letizia que conocí?” E describiuna simpática, falangueira e con ambición profesional, pero sen pisar a ninguén cos tacóns de agulla. A Letizia Princesa de Asturias, filla dun taxista e divorciada, pasou a ser un perigo para a institución monárquica, segundo o Rei Juan Carlos, Jaime Peñafiel e as respectivas áreas sociais de influencia; fría e calculadora para a aristocracia; e altiva e distante no marujeo popular.  

Eu non coñezo á raíña Letizia, pero falei con ela dúas veces e as dúas pareceume sinxela, amable e simpática. A primeira, brevemente, en maio de 2013, cando os Príncipes de Asturias inauguraron na Biblioteca Nacional a exposición La Transición en tinta china e se detiveron ante unha viñeta miña sobre un xuiz de Fuencarral que non admitira o nome Libertad para una nena, por “extravagante, irreverente y subversivo”. Os comentarios dos dous foron tan asisados como divertidos. A segunda, tres anos despois, en San Millán de la Cogolla, no seminario sobre El lenguaje del humor en el periodismo español, que ela inaugurou, xa como raíña. Daquela, achegouse a Juan Soto Ivars e a min e ficou con nós media hora longa. Con Ivars falou de cine e comigo de Wenceslao Fernández Flórez, a quen citara no discurso. Eu, anoxado polo mal trato que lle daban os medios nas seccións de marujeo, quixen tratala co máximo respecto e debín de excederme porque entendeu a miña cortesía como distanciamento e, ao despedirse, preguntoume con moita gracia: -¿Puedo darle un par de besos a un republicanazo como tú? E aínda que asentín, repetiu a pregunta con outras palabras, cada vez máis risoña e ocorrente. Mentres me bicaba, díxenlle algo que non vou repetir e premioume cunha gargallada.

Aquela fora unha conversa entre tres xornalistas e eu encirreime en ver unha raíña. Puiden amañalo con humor e rematamos rindo a dúo. Véndonos rir, Ivars ría tamén. Recordeino o luns, na homenaxe do Congreso á republicanaza Clara Campoamor, que ela presidiu.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies