Puntadas sen fío: De chulos e chulerías

Puntadas sen fío: De chulos e chulerías por Siro
Puntadas sen fío: De chulos e chulerías por Siro

Na divertida comedia La venganza de don Mendo, o cabaleiro négase a aceptar o colar que a amada lle ofrece para saldar unha débeda de xogo, e dille: -Y me anulo y me atribulo/ y mi horror no disimulo,/ pues aunque el nombre te asombre/ quien obra así tiene un nombre,/ y ese nombre es el de… chulo.

Si, chulo é o macarra noxento; pero tamén o gracioso de sainetes, zarzuelas e chotis; e da vida madrileña a comezos do século XX, como aquel Paco “el seguro”, que por un módico prezo preñaba, no primeiro encontro, ás criadas de servir que querían ascender socialmente a amas de cría.

Mesmo hai chulos heroes, dos que o Cid Campeador é claro exemplo. No tenso diálogo co rei, no Romance do desterro, vese que nel a chulería é orgullo e dignidade:

-Te destierro de mis tierras,/ te destierro por dos años.
 -Si vos me desterráis por dos,/ yo me destierro por cuatro.

Chulo fachendoso, camorrista e talentoso foi Quevedo; e amortizou con cárcere e pobreza as súas chulerías. A derradeira, xa moribundo, estivo na resposta ao amigo que lle aconsellaba deixar cartos para pagar os músicos do enterro: -La música páguela quien la oyere. E morreu.

Chulo por estética foi Valle Inclán. “La muerte –dicía- hai que verla venir de frente y aceptarla”. García-Sabell preguntoulle como lle gustaría morrer, e respondeu: –Hombre, es de cajón: ¡Fusilado!

Case o consegue, que morreu en xaneiro de 1936, en Compostela, e en agosto xa exercían con saña os fusiladores.

Chulo pollo pera era José Antonio Primo de Rivera; pero o gran chulo do falanxismo, chulo delirante, foi o ideólogo Ernesto Giménez Caballero, que exaltou a chulería como categoría hispánica; e como chulos describiu os españois: “Somos raceadores, donjuanes, magníficos garañones varoniles de pueblos”.

Do falanxismo franquista viña Adolfo Suárez, chulo seductor, o meu chulo favorito: Das súas chulerías escollo dúas: cando, sen deixar de surrir, lles virou o pulso ao xeneral Miláns del Boch, chulo marcial; e ao presidente Giscard d´Estaigne, chulo elitista.

A antítese é Donald Trump, chulo matón e ególatra. Varios equipos de sicólogos norteamericanos deron a coñecer estudos –nalgún participou Mary Trump, sobriña súa, sicóloga tamén- que Trump ten todos os riscos do Trastorno da Personalidade Narcisista; de aí que se crea superior, especial e único; e careza de empatía para identificarse cos sentimentos e as necesidades do próximo. O que non explica a sicoloxía é por que Trump é un histrión, unha caricatura de si mesmo, un boneco de guiñol.  

Casualidade ou non, en poses e acenos faciais é cuspidiño a Mussolini, “o maior chulo de Europa”, en opinión de Hemingway, que o coñeceu e o cualificou tamén de ridículo. Casualidade ou non, Mussolini acadou o goberno de Italia coa marcha de miles de camisas negras sobre Roma e Trump quixo conservar a presidencia dos EEUU coa marcha dos seus indignados sobre o Capitolio. Logo, arrepiado polas consecuencias, trocou a chulería en covardía e arremeteu contra eles.

Mentres escribo entérome de que a Cámara de Representantes aprobou xuzgalo por incitación á insurrección e de que a súa popularidade baixou entre os republicanos un 40%. Dúas boas novas nun ano que empezou con cara fea.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn
WhatsApp
Email

Deixa un comentario