Puntadas sen fío: Censura na arte

Censura na arte por Siro
Censura na arte por Siro

O primeiro e máis radical censor foi Yahvé, o deus bíblico, que no libro do Éxodo prohibiu toda representación figurativa: «Non farás escultura, nin imaxe ningunha do que hai arriba, nos ceos; nin do que hai abaixo, na terra; nin do que hai nas augas, debaixo da terra». Era unha prohibición contra natura e, desde os autores anónimos dos marabillosos frescos da sinagoga de Dura Europos, do século III, en Siria, aos creadores do expresionismo xudeu, no XX, con Chagall en primeira liña, sempre houbo artistas xudeus que ignoraron o anatema da ortodoxia. Mesmo os árabes, estritos seguidores da mesma tradición, recorreron á arte figurativa nas pinturas góticas do salón dos reis, na Alhambra de Granada. O cristianismo prohibiuna ata que, no século IV, se converteu en relixión oficial do Imperio. Daquela, os bispos transixiron coas imaxes non realistas que servisen para reforzar a mensaxe divina. Serían «o catecismo dos que non len», en palabras de San Xoán Damasceno; pero a censura volveu a Bizancio nos séculos VIII e IX con tres emperadores iconoclastas que ordenaron a destrución de toda obra relixiosa.

Tamén era iconoclasta Lutero, e crítico coa riqueza dos lugares de culto, de aí que a Igrexa -que na confrontación co protestantismo seguiu o lema «ao que non quere caldo, sete cuncas»- respondese con máis imaxes e templos máis ostentosos. O Concilio de Trento freou á creatividade de artistas imaxinativos en demasía, ao esixir rigor nas representacións. Ninguén podería pintar outra Virxe do leite ao xeito do francés Jean Fouquet, no século XV: belísima, con elegante roupa de época, tan sedutora e sensual que máis move ao pecado que á contrición. Tamén quedaron prohibidas as interpretacións libérrimas da Sagrada Familia e das pasaxes da vida de Xesús, ás veces verdadeiras tolerías; e as imaxes monstruosas da Santísima Trinidade tricéfala, que facían chorar aos nenos e perder o sono aos adultos impresionábeis. 

Naturalmente, por imperativo moral foron censurados espidos da arte renacentista, entre eles os do Xuízo Final, de Miguel Anxo, na Capela Sixtina. Pío V encargou a Daniele da Volterra cubrir con panos as partes íntimas dos personaxes, e os contemporáneos alcumárono Il Braghettone. A pintura de Miguel Anxo abraiou desde o primeiro momento ás almas pías dos seus contemporáneos, e tamén ás non tan pías, pois o crápula Aretino, autor de numerosos sonetos eróticos, arranxou unha campaña contra el e puxo énfase na súa homosexualidade. Nos séculos XVII e XVIII seguiu actuando a censura e 38 figuras víronse afectadas. Na restauración da Capela Sixtina (1980-1994), pagada con 12 millóns de dólares da TV xaponesa, tomouse unha decisión salomónica: deixáronse, por interese histórico, as bragas dispostas en Trento, e retiráronse as outras.

Historicamente, a censura na arte foi lamentable, pero entendible. Deixou de selo cando Facebook aplicou un algoritmo automático, que igual censura un espido pornográfico que unha obra de Rubens ou a Venus paleolítica de Willendorf. A intelixencia artificial ten memoria, pero de momento non pensa. Afortunadamente.

Deixa un comentario

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.