Puntadas sen fío: Castelao, risa e pandemias

Puntadas sen fío: Castelao, risa e pandemias por Siro
Puntadas sen fío: Castelao, risa e pandemias por Siro

Hoxe, 30 de xaneiro, cúmprense 135 anos do nacemento de Castelao e a consellería de Cultura celebra, en memoria súa, o Día da Ilustración. Está moi ben, pero non quero evocar o Castelao artista de tantos talentos, senón o Castelao médico que non exerceu por falta de vocación. É ben coñecida a súa graciosa xustificación: “Fíxenme médico por amor a meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade; pero repárase menos no diálogo entre un home esbacoado nunha cadeira e o Castelao mozo, dunha viñeta de Cousas da vida:

-Faite médico, home, que enfermos non faltan nunca.

-E a conciencia?

Si, Castelao era home de conciencia ética; por iso deixou a medicina e, tamén por iso, cando a terrible gripe de 1918 chegou a Rianxo e enfermaron os médicos do concello, volveu a ela para axudar aos seus paisanos. Como? Que podía facer o médico Castelao ante aquela peste que infectou a oito millóns de persoas en España e causou 270.000 mortes? O mesmo ca os outros: aconsellar, receitar analxésicos e antipiréticos, e, ademais, o que di Lois Peña Novo: tratar os enfermos con cariño de irmán, entrar e saír das casas con cara risoña e axudalos, co humor, a recobrar o optimismo.

No comezo da pandemia, tamén o enxeño popular combateu coa risa o desacougo e ante nomes tan inxustos como “gripe española” e “dama española” -porque a orixe estaba en EEUU e a España chegara de Europa- chamóuselle “Soldado de Nápoles”, por ser tan “pegadiza” como a canción, así titulada, da zarzuela La canción del olvido, estreada ese mesmo ano. Desde entón, Agustín Aguirre, humorista gráfico do xornal madrileño El fígaro, representouna coma un esqueleto vestido de soldado e os seus chistes ían de boca en boca. Outros debuxantes tan prestixiosos como Bagaría e Tovar trataron tamén o tema do misterioso virus.

O segundo brote foi moito máis letal e aínda que a ciencia recurriu a técnicas novedosas como as transfusións de sangue de pacientes recuperados a outros enfermos, e ao soro creado no Instituto Pasteur, nada resultou efectivo e sen a perspectiva dunha vacina, a xente deixou de rir. O debuxante alemán Wilhelm Schulz expresou a anguria do momento na viñeta en que a gripe pasa ante o anxo da paz, que viñera poñer fin á Gran Guerra. Europa non volvería rir ata os felices anos vinte.

As novas cepas do Covid estannos levando á desesperación e necesitamos a risa, “a máis efectiva defensa contra o sufrimento”, en opinión de Freud; “a medicina universal”, segundo Bertrand Russell. Si, a risa aíllanos do que doe e a gargallada danos azos para enfrontármonos ao medo. Quizais deberiamos saír ás ventás, aos balcóns e ás terrazas das casas, como cando aplaudiamos aos sanitarios, pero agora para contármonos chistes divertidos e rir a fartar. Non importa que algúns non os oian, porque oirán o eco das risas e iso abonda para seguirmos adiante un día máis.

A min divírtenme especialmente as reflexións agudas sobre as necidades da realidade cotiá. A última mandouma por Whatssap un amigo de Ferrol: “Daste conta de que ninguén fala de contaxiados e contaxiadas? Cando a vida vai en serio, non estamos para conachadas”. 

Pois si.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies