Puntadas sen fío: Cabrona morte

Xosé Luis Franco Grande e Dositeo Rodríguezpor Siro
Xosé Luis Franco Grande e Dositeo Rodríguez

Desde mozo entendín a morte como parte da vida e seguindo a tradición galega convertina en protagonista de narracións, viñetas e conferencias humorísticas, como a que lin na asemblea da Asociación Española do Corazón, en A Coruña, no 2002, coa que os cardiólogos riron moito.

Si, durante décadas leveime ben coa morte, bromeei con ela e ata me divertía descubrirme entre as siluetas que fan a danza macabra, na escena final da película O sétimo selo, de Igman Bergman. Porén, des que se vale do coronavirus e se converteu na “desgraza traidora, que vén e nunca se sabe onde vén”, que Rosalía temía; anóxoa, aborrézoa e non podo arredar da mente os versos que escribiu alguén tan cabreado coma min:  

 “Muerte, si otra muerte hubiera
que de ti me libertara.
a esa muerte pagara
porque, a ti, muerte te diera.”

O último amigo que perdín por infección do coronavirus foi Dositeo Rodríguez, conselleiro da Presidencia nos gobernos de Fraga e persoa cordialísima. En xaneiro contoume que escribira un libro sobre os seus anos con Fraga, baseándose nas crónicas da Voz e nas miñas caricaturas, e pedíume  autorización para reproducilas. Respondinlle que usara cantas quixera, ofrecinme a enviarllas con alta resolución para garantir unha boa reprodución e envieille un quilo de bicos para Carmela, a súa dona, tan entrañable coma el. O 22 de marzo mandoume un vídeo de debuxos animados no que un paxaro de cores ledas canta unha canción moi divertida e rítmica a outro paxaro escuro e triste. Dille que na vida hai problemas, pero preocuparse é duplicalos; e ofrécese a axudalo: “Mírame a min. Chámame se estás mal e fareite surrir”. E repite o retrouso: “Non te preocupes. Se feliz”. Rematan bailando e voando xuntos. Cinco días despois Dositeo estaba morto e eu non deixo de pensar que aquel paxaro optimista é coma el era.

Non foi o coronavirus, senón un cancro implacable quen levou ao escritor Xosé Luis Franco Grande, o 31 de marzo. Presentáranos Ramón Piñeiro en 1973 e aquel día os dous soubemos que eramos da mesma raza: a dos tímidos patolóxicos. Iso creou unha corrente de simpatía entre nós, que se mantivo sempre. Foi doado: eu son de bo xorne e el un arroutado, todo corazón, leal e xeneroso. Cando publiquei o artigo García-Sabell no franquismo, felicitoume e agradeceumo, entusiasmado, porque –pensaba-  terá que facer reflexionar aos membros da Academia.

Aquel día pregunteille se tiña datos dunha cea de galeguistas, nos anos cincoenta, nas aforas de Santiago, na que Otero Pedrayo e Álvaro Cunqueiro debateron, durante dez minutos cada un, sobre “o sexo dos anxos”. Eu coñezo o feito por Ramón Piñeiro e Fernández Albor, que asistiron, pero Xosé Luís non sabía nada. Días despois escribiume para suxerirme outras vías de investigación. Incrible; estaba gravemente enfermo, pero pensaba en min, e tres días antes de morrer publicou un artigo na Voz, que ditou á filla. Morreu coas botas postas, as do galeguismo; botas de sete légoas, coas que chegou tan lonxe e a tantos amigos, que están a recordalo en artigos fermosísimos. Eu nin o intento e limitome a renegar da morte cabrona que leva a quen quero.   

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies