Puntadas sen fío: Bundling

Buldning por Siro
Buldning por Siro

Non coñecín a palabra inglesa bundling ata hai trinta anos, cando lin a Historia da galantería, de E. S. Turner, e souben que é o nome dun curioso fenómeno social dalgunhas colonias americanas, como Nova Inglaterra, no que solteiros e solteiras pasaban a noite xuntos na mesma cama, vestidos e sen pecar gravemente contra o sexto. Os puritanos combatérono inutilmente e, doídos polo fracaso, culparon aos holandeses e galeses de levar ao Novo Mundo tan pecaminoso costume; porén, o bundling practicábase tamén en Inglaterra e noutros países europeos como Alemania, Suíza, Noruega e Ucrania.

Semella “inocentada”, pero non é: eu souben que era o bundling nos anos cincuenta, cando non tiña máis de doce. Aprendéronmo veciños do meu barrio, chegados do concello de Monfero, concretamente da parroquia de Xestoso; so que eles, na vez de bundling,dicían “mocear na cama”.

Do moceo na cama contáronme varias persoas, pero as primeiras novas deumas Luis “o garda”, policía municipal e pai dun amigo, a quen castigaba todos os día do ano. Era home alto, fraco e malencarado, que padecía do estómago e cada día xantaba un prato de puré ou de papas. Eu aproveitaba aquel momento para lle pedir que levantase o castigo ao fillo e el, antes de facelo, falábame, entre cullerada e cullerada, das liortas nas festas dos mozos de Xestoso e Cambás; e dos encontros románticos de mozos e mozas de Xestoso, na cama da rapaza, co consentemento tácito dos pais, que facían como se durmisen, aínda que tiñan a man unha tranca, ou mesmo a escopeta, por se a filla berraba. Porque o acordo era meterse na cama, total ou parcialmente vestidos, e chegar só onde ela quixese. Se o rapaz quería ir máis aló, a moza desafiábao: –¡Mira que berro! E se era teimudo, advertíao: –¡Vou berrar! Entón el daba a batalla por perdida e pedíalle: –Agarda, que poña os zocos. A rapaza asentía, logo chamaba polo pai, e o atrevido fuxía pola mesma ventá por onde entrara.

Que o costume viña de antigo comprobouno José Antonio Fernández de Rota y Montero, primeiro decano de Humanidades na Universidade de Ferrol, cando descubriu un manuscrito de don Bernardo L. Rodríguez, párroco de Santa María de Xestoso, datado en 1860, no que o condenaba por inmoral. Que as mozas non sempre berraban polo pai demostrouno o decano ao dar a coñecer que na década de 1920, o 42% dos nenos nados na parroquia eran fillos de solteira. Tan alta porcentaxe explícase porque o moceo na cama non era exclusivo dos noivos formais -que casarían de se producir o embarazo-, senón práctica adoitada entre mozos e mozas, de cara a un posible noivado.

Por que agromou este costume na parroquia de Xestoso e non nas veciñas, é un misterio. Fernández de Rota dixo nunha conferencia, en 1993, que tiña referencia doutras; pero eu non as coñezo. Tamén é un misterio que o moceo na cama chegase ata 1940. Non o é que desaparecese a comezos do franquismo, cunha Igrexa poderosa que o erradicou, ao tempo que a garda civil poñía fin ás liortas nas festas, entre mozos de distintas parroquias.

Daquela, nestas datas, dicíase: “Que o novo ano entre con ben”. Eu dígoo aínda hoxe.    

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies