Puntadas sen fío: Bildu no Congreso

Puntadas sen fío: Bildu no Congreso por Siro
Puntadas sen fío: Bildu no Congreso por Siro

Cando ETA mataba, todos os gobernos tentaron negociar cos seus dirixentes a fin da loita armada, co mesmo argumento: calquera ideoloxía política pódese defender no Parlamento. Agora que Bildu o fai, a dereita aldraxa aos deputados independentistas chamándolles terroristas e asasinos; tamén cun único argumento: Bildu non condena os crimes de ETA.

É certo. Bildu, como organización política, non o fai. E que? Acaso os enviados a negociar con ETA polos gobernos de UCD, PSOE e PP esixiron aos terroristas interlocutores que para defenderen a autodeterminación no Parlamento, como lles propuñan, a banda debería condenar antes os crimes que cometera? Claro que non. O único que se lles pediu foi deixar as armas a cambio da liberación e a volta de etarras presos e exiliados. Nin sequera o presidente José María Aznar, ao autorizar, en 1999, o traslado de 120 presos etarras a cárceres próximos ao País Vasco, lles requiriu abominar dos seus delitos.

Bildu non vai condenar os crimes de ETA porque Sortu, formación herdeira da ilegalizada Batasuna, manda na coalición e entende que abondan os estatutos da organización, nos que se rexeita a violencia política, incluída a de ETA; e que a pretensión de obrigalos a pronunciar palabras de condena, so busca humillalos. Porén, desde hai dous anos, Bildu asiste o 10 de novembro á homenaxe ás vítimas do terrorismo –de todo o terrorismo: o de ETA, o de Estado e o da extrema dereita-, que se celebra no Parlamento Vasco. E non é certo, como din PP, Vox e Asociación de Vítimas do Terrorismo, que o acto é unha farsa para xustificar a ETA. As palabras do lehendakari Urkullo, que o preside, non permiten tan arbitraria interpretación: “As xoves xeracións teñen dereito a saber que neste país se matou por pensar diferente; que existiu o terrorismo de ETA e causou máis de 850 vítimas mortais”.

Ademais os membros de Bildu que non proceden da esquerda abertzale si condenan os crimes de ETA. Fíxoo, hai poucos días no Congreso o deputado Jon Iñarritu ao dirixirse a Antonio Salvá, deputado de Vox e pai dun garda civil morto en atentado de ETA, en 2009: “Cuando ocurrió ese terrible asesinato, esa injusticia que el señor Salvá sufrió en su familia y que nunca tenía que haber sufrido, expresé mi condena, mi rechazo con mi partido, y aquello que sostuve hace once años lo sigo sosteniendo hoy”. Fíxoo Oskar Matute, xa en 2004, no Parlamento Vasco: “Un dos factores que oprimen e fan que esta sociedade non sexa tan libre, tan xusta e tan igualitaria como debera, é a violencia de ETA”.

Non ten volta: Bildu non é ETA por moito que a dereita se encirre en afirmalo; e Pedro Sánchez ten dereito a contar co seu apoio, que é o de 250.000 votantes no País Vasco, que multiplican por catro os da coalición PP-C´s e por catorce os de Vox. 

Otegi? Eu vexo nas caras o reflexo das almas e a súa non me gusta nada; pero Jesús Eguiguren, expresidente do Partido Socialista de Euskadi, afirma que o cese definitivo da actividade armada de ETA, en 2011, non se produciría sen o proceso de paz que el e Otegi puxeron en marcha en 2005. Será que non o miro ben.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies