Puntadas sen fío: AstraZeneca e poesía

Puntadas sen fío: AstraZeneca e poesía por Siro
Puntadas sen fío: AstraZeneca e poesía por Siro

O domingo pasado foi o Día Mundial da Poesía e como a celebración é recente, súmome a ela parafraseando a William Shakespeare na traxedia Xulio César, cando Marco Antonio di no discurso fúnebre polo heroe: “Eu sei que Bruto é un home honrado”; e digo: “Eu sei que Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, é un home honrado”. Marco Antonio afirmábao ironicamente e eu fágoo con convicción porque so un home honrado pode declarar, como máxima autoridade sanitaria da comunidade, o que el declarou á prensa sobre a vacina AstraZeneca: que en Galicia se recibiu e vacinouse con el, parte do lote que outros países rexeitaron por temor a que tivese relación con episodios trombóticos; e engadiu: “Creo que as que están por poñer non son dese lote”. Ese “creo” é a proba do algodón da honradez do conselleiro. O “creo” moi tranquilizador non era, pero demostrou que estamos ante un raro exemplar de político veraz.

Días despois, a Axencia Europea do Medicamento determinou que non se puido establecer relación directa entre as tromboses e a vacina; e os membros do Consello Interterritorial da Saúde en España, para afortalar a credibilidade da determinación, acordaron pasar o límite de idade dos próximos vacinados de 55 a 65 anos. Houbo debate na reunión porque uns propuñan “o pelao 60”, outros o 64 por aquelo de “o 6 e o 4, a cara do teu retrato”; outro máis admitiu que lle encantaba o 69; pero gañou o 65 e, ao brindar polo acordo, alguén puxo o selo de cualidade cun verso de don Antonio Machado: “Tengo una copa en la mano y en los labios un cantar”.

O certo é que coa boca pequena seguen a dicir da AstraZeneca que “os riscos son mínimos e os beneficios innegábeis, argumento que me recorda o de Isaac Díaz Pardo nos artigos en que falaba de Stalin: “Stalin foi un monstruo, pero freou a Hitler”. Díxenlle nunha ocasión: -Isaac, non é o mesmo “dóeme, dóeme, que vaime doendo”. Tes que dicir “Stalín freou a Hitler, pero foi un monstruo”. Ceibou unha gargallada, pero non me fixo caso.

Estes días as axencias de prensa informan de que a opinión pública europea anda coa mosca detrás da orella respecto á AstraZeneca e que o setenta por cento dos franceses e a metade dos alemáns dubidan da súa seguridade. En España circula un wasap no que se pide que os membros dos gobernos central e autonómicos e os deputados todos se vacinen con ela ante as cámaras de tv e o notario. Que prediquen co exemplo, como fixera o ministro Fraga, en 1966, cando se bañou en Palomares para demostrar que a mar non estaba contaminada polas bombas nucleares caídas dun avión norteamericano. Por certo, Fraga, pobriño, verdade? Manolo Monge e os seus cazafranquistas conseguiron que os concellos de Ferrol e A Coruña lle retirasen o título de “fillo adoutivo”, e o PP íalle facer unha casa museo en Vilalba; pero alí fican esquecidas as caixas cos recordos atesourados toda a vida. No 2005 publiquei unha viñeta na que Feijoo abría a ventá e o vento tiraba o retrato de Fraga á papeleira. O pé dicía: “Alá vai o fraguismo”. Era verdade. Case tan verdade como a de Bécquer no verso “¡Dios mío, qué solos se quedan los muertos!”.   

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies