Puntadas sen fío: As Meninas de Canido

Puntadas sen fío: As Meninas de Canido por Siro
Puntadas sen fío: As Meninas de Canido por Siro

Preguntei a unha amiga galega que leva 25 anos en Madrid se oiu falar das Meninas de Canido e respondeume que non. É probable que esa fose tamén a resposta de gran parte dos residentes en Galicia e, endebén, esta cita anual coa arte nas rúas do barrio de Canido, en Ferrol, ten dez edicións e na última, celebrada do 30 de agosto ao 1 de setembro, participaron máis de cen debuxantes e pintores chegados de distintas comunidades españolas, Arxentina, Uruguai e EEUU; a asistencia de público contabilizouse en decenas de miles de persoas, e as novas obras de creación permitiron superar as 400, algunhas de gran formato.

Todo empezou hai dez anos, cando Eduardo Hermida, pintor, cantor, humorista e veciño do barrio, levou a Jorge Cabezas a facer un mural nunha casa da zona máis escura e triste. O mural, artísticamente valioso, era unha xanela aberta á luz e á cor; pero un veciño, profano en arte, tomouno por unha “pintada” e, con encomiable espírito cívico, armouse de rodillo e pintura branca e borrouno.

Cabezas apañou un disgusto e a Eduardo Hermida, superados tres ou catro amagos de infarto, ocorréuselle desagravialo convocando os pintores amigos que quixesen recrear nas paredes das casas deshabitadas diferentes versións dun cadro famoso: “As Meninas”, de Velázquez.

A elección foi un acerto. No lenzo das Meninas recoñecemos a creación suprema da pintura e en Velázquez o pintor dos pintores. Porén, Velázquez, como Cervantes, tivo que ser descuberto por estranxeiros. A Cervantes descubrírono os románticos ingleses e alemáns; a Velázquez os impresionistas franceses, que viron nel un precursor. E foi Manet quen primeiro o sinalou como “o máis grande pintor que existiu”.  

En rigor, o talento de Velázquez decubriuno un Felipe IV moi novo e inepto en case todo, pero entendido en pintura, que o nomeou “pintor de cámara”, o cargo máis importante entre os pintores da corte, para que retratase a familia real. E Velázquez cumpriu marabillosamente, pero, ademais, pola súa conta, retratou tamén os bufóns, “las sabandijas de palacio”, con minusvalías físicas ou mentais, e fíxoo co esmero e aquel algo especial que poñía ao pintar os nenos da familia real. Uns e outros, os dos nenos e os dos bufóns, son retratos feitos amorosamente.

Picasso tiraba ao chan os pinceis, desesperado, mentres berraba: -¡Nunca poderei pintar como Velázquez! Un día recolleunos e para superar o trauma pintou moitas Meninas, ao seu xeito. Estou certo de que se Velázquez as vise, pasmaría primeiro e aplaudiríaas despois. Por iso a miña primeira aportación ás Meninas de Canido foi un pequeno mural coas caricaturas de Velázquez e Picasso, ante cadanseu lenzo, ollando, curiosos e perplexos, a obra do outro.

As Meninas están a transformar a fisonomía do vello barrio de Canido. É un proceso en marcha e, se os vecinos das vivendas de nova construción colaboran, esta cita coa arte urbana non tardará en figurar nos Itinerarios Europeos da Cultura recomendados polo Consello de Europa.   

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.