Puntadas sen fío: A arte de difamar

Puntadas sen fío: A arte de difamar por Siro
Puntadas sen fío: A arte de difamar por Siro

Todos lembramos a exministra francesa de Saúde e Deportes, Roselyne Bachelot, que nun programa de TV, en 2016, acusou a Nadal de doparse. Condenada a indemnizalo con 10.000 euros –que foron a unha ONG francesa-, declarou que so repetira o que dicían o mundo do tenis e a prensa. Claro; por algo Botticelli ao pintar o cadro A calumnia puxo como receptor o Rei Midas, que tiña orellas de burro. Seguro que a heroica de Nadal no Open de Australia afortala a covicción da exministra e demais detractores, orelludos coma ela.

Hai casos peores. O poeta Luis Rosales viviu décadas sinalado como un dos culpábeis do asasinato de García Lorca, cando tamén el estivo en perigo de ser fusilado por tentar salvalo. Filgueira Valverde foi acusado, en 1972, no libro Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda,escrito por Xerardo Álvarez Gallego, de non ir declarar a favor de Bóveda no consello de guerra que o condenou a morte. É falso. Filgueira non foi porque non o chamaron. Como ben dixo Xesús Alonso Montero, ninguén pode negarse a declarar nun consello de guerra, se o chaman. En abril de 1939, o escritor coruñés Carlos Martínez Barbeito protagonizou a quixotada de unirse a un grupo de falanxistas que ían expoliar a biblioteca de Juan Ramón Jiménez, exiliado nos EEUU, porque quería salvar documentos íntimos do seu admirado e querido amigo. Conseguiunos e devolveullos; pero, en 1981, a revista Interviú publicou unha reportaxe na que aparecía como falanxista e ladrón. Como Antonio Rosón, tampouco tivo o dereito de réplica e co paso do tempo a mentira foise repetindo en distintos medios, e aquel home que Felipe Senén cualifica de humanista fondamente ético, viviu e morreu atormentado por ela. En 2021 o escritor Luís Pérez publicou un libro con documentación que proba a súa inocencia.

Non hai chisco de arte en ninguna destas calumnias, nadas de ignorancias, xenreiras e ciumes; pero a arte de difamar existe e practícana persoas listas, cultas e arteiras, como Giovanni Papini. Ao italiano non lle gustaba a pintura de Picasso, pero en vez de dicilo, fixo que un dos seus personaxes de ficción, o millonario hawaiano Gog, entrevistase ao pintor e así puido poñer nos beizos de Picasso o que el pensaba:

“Agora son célebre e rico; pero cando estou so non teño valor para considerarme un artista no sentido grande e antigo da palabra. Verdadeiros pintores foron Giotto e Ticiano, Rembrandt e Goya; eu non son máis que un amuseur public, que entendeu o seu tempo e aproveitou o mellor que soubo a torpeza, a vaidade e a cobiza dos seus contemporáneos. Fágolle esta confesión, máis amarga e dolorosa do que lle poida parecer, pero sincera”.

Publicouna con outras, tamén falsas, no Libro Negro, en 1951; e morreu cinco anos despois, supoño que satisfeito de meterlla dobrada a aquel apóstata da relixión da arte. Pero a todo hai quen gañe e, anos despois, outro artista da difamación colleu a entrevista e púxoa en Internet como confesións de Picasso á revista de L´Association Populaire des Amis de Musées, “Le Musée vivant”, nº17-18, ano 1963. O éxito foi total e incontábeis blogueros e revistas dixitais pican como panchos, reprodúcena e citan a fonte que non existe. A min mandouma antonte, estrañadísima, unha amiga de Ourense. Non ten volta: o “calumnia que algo queda”, que vimos repetindo desde a dominación romana, nunca foi tan certo.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario