Puntadas sen fío: Amor á negra sombra da política

Puntadas sen fío: Amor á negra sombra da política por Siro
Puntadas sen fío: Amor á negra sombra da política por Siro

Mañán, 14 de febreiro, San Valentín e o Día dos Namorados van quedar eclipsados polas importantísimas Eleccións Autonómicas en Catalunya; pero como eu penso con Campoamor que o amor é triste, pero triste e todo é o mellor que existe, exporei algunhas reflexións propias e alleas sobre a Arte de amar no noso tempo. Aclaro que falo de amor, amor, coma o café, café; non do simple namoramento, cualificado por Ortega y Gasset de “imbecilidade transitoria”. O amor, amor do que falo, é para Ortega “un feito pouco común e un sentimento que só certas almas poden chegar a sentir”. Pois ben, para que ese amor medre na parella como unha flor ao bordo do abismo, débense dar tres condicións.

Primeira, os amantes teñen que ser e saberse igualmente libres. Non hai amor en quen canta: Te vas porque yo quiero que te vayas./ A la hora que yo quiera te detengo./ Yo sé que mi cariño te hace falta,/ porque, quieras o no, yo soy tu dueño”. Haino, ou pode habelo, en quen di: “Libre te quiero/ como arroyo que brinca/ de peña en peña,/
pero no mía”. E remata: “Pero no mía,/ ni de Dios, ni de nadie,/ ni tuya siquiera”. Son versos de García Calvo musicados e cantados por Amancio Prada, que moi ben poderían ser himno do feminismo; pero póñanse en masculino os posesivos, cando proceda, e serán válidos para todos os amantes.

A segunda é que os dous membros da parella deben admirarse mutuamente, un pouco polo menos. Iso faraos sentirse afortunados, creará respecto entre eles e, sen deixar de ser amantes, serán tamén amigos.   

A terceira, que cronolóxicamente soe ser a primeira, é a mutua atracción sexual. Tan importante é, que un Groucho Marx despistado preguntaba: “Por que lle chaman amor, se queren dicir sexo? E un Woody Allen centrado na cuestión, corrixiuno: “Non confundas o amor da túa vida co sexo da túa vida”. Un Woody Allen que daba ao sexo a importancia debida: “Na vida só existen dúas cousas importantes. A primeira é o sexo e da outra non me lembro”.    

Cando a relación se sostén nestes alicerces, a parella saborea o amor con doce embriaguez e pode dicir: “Amo, logo existo”. Se non é católica, claro; porque Xoán Paulo II advertiu de que o home comete “adulterio no corazón” non só cando olla con desexo a una muller que non é a súa, senón tamén cando olla con desexo a súa. Xoán Paulo II nin imaxinou que una muller pode cometer “adulterio no corazón” por ollar un home con desexo; pero Gonzalo de Berceo conta nos Milagros de Nuestra Señora que a monxiña torneira dun convento marchou detrás do galán que a namorara, e a Virxe, para que ninguén o soubese, sustituiuna no torno ata que volveu arrepentida.

Hai quen vive o amor como bebe un vaso de auga e quen o converte en traxedia. Castelao era noivo de Eva, irmá de Enma e de Virxinia. Enma, única casada, morreu de parto e os país casaron a Eva co viúvo e pasáronlle Virxinia a Castelao, que a aceptou. En cambio, Olegarita Dieste, irmá de Rafael, o escritor, namorada de Castelao desde mociña, ao saber que casaba con Virxinia meteuse na cama e non se ergueu, nin abriu a boca durante anos; e nunca máis saiu de casa.

Amores raros? Pois a ver os que saen da noite electoral en Catalunya. Sabido é que a política fai os máis estraños compañeiros de cama.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn
WhatsApp
Email

Deixa un comentario