Puntadas sen fío: Portaeronaves e fragatas

Hai poucos días o portaeronaves Príncipe de Asturias saiu de Ferrol para ser desguazado en Turquía e centos de persoas vírono marchar, emocionadas, desde as dúas bandas da ría. O portaeronaves foi a construción máis importante das que nos anos oitenta se fixeron para modernizar a Armada española, pero non a única porque, ao mesmo tempo, Bazán construía as fragatas FFG, a partir dun proxecto norteamericano, modificado parcialmente por Mariña. Eu era o proxectista encargado de deseñar os novos planos na Cámara de Máquinas con varios delineantes xoves. Levaba un par de meses nese cometido cando Mariña decidiu que os proxectos do portaeronaves e das fragatas eran “material reservado”, e só podería acceder a eles o persoal de confianza, a quen se daría una tarxeta  que, en letras grandes e grosas, dicía CONFIDENCIAL. Para identificalo, o Servizo de Investigación da Mariña enviounos un cuestionario que deberiamos responder. A primeira pregunta era: -¿A quién votó usted en las pasadas elecciones generales?

Na Oficina Técnica traballabamos douscentos delineantes e ningún respondeu o cuestionario. O SIM acordou que deixásemos sen responder as preguntas improcedentes e cubrírono todos, agás Antonio Mesejo, sindicalista de USO, e eu. Un comandante veu falar con nós. Era home cordial, e repetiu os mesmos argumentos e a mesma proposta. A min pareceume que nolo pedía como un favor persoal. Ao saír, Mesejo dixo que el non cubriría nada e eu cubrino. A Mesejo non lle deron o “Confidencial” e a min tampouco.

A exclusión de Mesejo non creaba maiores problemas, pero a miña si. Chamoume Jaime Rodríguez Arana, enxeñeiro xefe do Departamento, e díxome que eu tiña a súa confianza e seguiría no mesmo posto e co mesmo cometido. E aí empezou o kafkiano. Como eu non podía pedir no “arquivo secreto” os planos que nos enviaban, facíao un dos rapaces do grupo, mostrando o “Confidencial” a un arquiveiro pechado nun búnker. Despois eu distribuía o traballo no grupo, dispoñía as modificacións e responsabilizábame delas asinando “o comprobado”. Logo enviaba os planos a fotocalco para facer copias e o rapaz devolvíaos ao bunquer.

Eu pasaba os veráns en Valdoviño e un día, no areal da Frouxeira, fíxoseme coñecido un papel grande que movía o vento e collino. Era un plano da Cámara de Máquinas das fragatas co meu nome na casiña do “comprobado” e unha gran mancha de empanada.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.