Puntadas sen fío: Os ollos de María Victoria Moreno

María Victoria Moreno por Siro
María Victoria Moreno por Siro

Que os ollos son ventás da alma sabémolo ben os caricaturistas porque cando conseguimos apreixar e esaxerar a súa expresión temos feito o esencial da caricatura. Claro que se poden facer caricaturas sen ollos, mesmo debuxar o modelo de costas; pero non falo da caricatura que é un reflexo do modelo, senón da gran caricatura que Henri Bergson tiña por «arte diabólica», porque di máis da personalidade do modelo que un retrato fiel, unha fotografía ou o propio modelo en persoa.

Tamén o sabía Chesterton, que dicía e dicía ben: «Hai un camiño entre os ollos e o corazón, que non pasa polo intelecto». É certo. Ao falar non sempre dicimos o que sentimos ou pensamos; en troques a linguaxe visual, por incontrolable, di o que as palabras menten ou calan.

Os ollos de María Victoria Moreno son ventás enormes, cheas de luz, e, ao ollalos, vemos unha muller leda, segura de si, con sentido do humor, que se quere, ama a vida e gusta da orde e das cousas ben feitas. Son ollos cheos de vida e de soños, coma os que pintaban e esculpían os artistas do Románico; coma os da Melina Merkouri que tanto admiro. Eu vexo no ollar da nosa escritora e no da actriz grega a mesma beleza cegadora.

As dúas son todo ollos e, porén, os versos que Alberti dedicou a Picasso -«Siempre es todo ojos. No te quita ojos. Se come las palabras con los ojos. Es el cien mil ojos en dos ojos. El que te clava con los ojos en un abrir y cerrar de ojos»- non lles acaen, porque elas levan no ollar unha tenrura inmensa. A María Victoria e a Melina cómprenlles os versos de Bécquer -«Que el alma que hablar puede con los ojos, también puede besar con la mirada»-. Por iso cando María Victoria, vítima do cancro, perdeu o pelo e a esvelteza do corpo; cando non se recoñecía no espello e pensaba: «Eu non son o meu corpo. Son algo moito máis fermoso, moito máis novo e moito máis brillante»; conservou o engado dos ollos e eu poderíame prender neles coma o labrego con quen compartiu o tempo da quimioterapia, romántico ao seu xeito, que, sabedor de que amaba as camelias, lle fixo unha promesa emocionada: «Se vivo en febreiro, terás as túas camelias».

Onte acabei a lectura do Diario da luz e a sombra, o libro que recolle parte do que a autora, enferma, confiou ao seu diario. Só ao diario porque «ver e oír a un triste, enfada; porque os alumnos aman os profesores que ven felices e detestan os tristes». Nas últimas páxinas confesa a necesidade de sentirse agarimada e quixen facelo. A falta de camelias, collín un caderno e un lapis carbón e púxenme a debuxar o seu rostro; imaxes que nin eu mesmo sei se son retratos ou caricaturas e por iso chamo «visións». Véndoas, coido que os ollos de María Victoria Moreno falan da felicidade que achou nun idioma e nunha cultura que fixo seus. «Unha historia de amor» que, con acerto, subliña a publicidade institucional.

Deixa un comentario

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.