Puntadas sen fío: O humor en Carlos Casares

Coido que o risco máis importante na personalidade de Carlos Casares era a sensibilidade humorística e nel vexo o humorista total. Podía facer “comicidade” en calquera momento, sobre todo nas sobremesas; e “humorismo”  –esa forma de humor que fai sorrir e emociona- nos máis dos artigos publicados en La Voz de Galicia. Carlos Casares era un creador de comicidade cando falaba e un humorista cando escribía.

Tiña, ademais, a graza do satírico para narrar o lado ridículo das situacións, mesmo cando afectaban a persoas que quería e admiraba; e se o protagonista da anécdota non posuía un gran sentido do humor, sentíase agraviado. Foi o que lle pasou a Alfredo Conde.

Na primeira lexislatura da Autonomía Galega, Carlos e Alfredo foran nas listas do PSOE como independentes e saíran deputados. Un día do ano 1981, Alfredo tiña que defender as 72 emendas que fixera á “Lei de Creación da Radio Televisión Galega”, pero pasara a noite sen durmir porque lle saíra un gran dolorosísimo no ollo do cu. Porén, interveu e o presidente da Xunta, Xerardo Fernández Albor, médico eminente, decatouse de que algo lle pasaba, foi ao escano e preguntoulle. Alfredo contoulle e Albor, especialista nesas doenzas, quixo velo e foron aos aseos. Alfredo baixou os pantalóns e Albor, agachado, mirouno. Consciente do insólito da escena, Alfredo comentou: -“Mira que se entra alguén e nos ve…” Albor respondeu: -“O máis que poden dicir é que somos maricóns”. Diagnosticoulle un absceso perianal e díxolle que en canto rematase a sesión operaríao na Rosaleda.

Alfredo cometeu o erro de contarllo a Carlos. A anécdota demostraba a extraordinaria calidade humana do presidente, pero era unha tentación irresistible para o temible burlón Carlos Casares, quen nos próximos días fixo rir a todos os amigos. A Alfredo pareceulle mal e o cabreo duroulle anos. Un día que el, Casares, Xaquín Marín e eu coincidimos no xurado dun certame de contos e debuxos infantís, sacou o tema no xantar e eu preguntei: –Pero, se ninguén vos viu, ¿como se soubo?

Alfredo saltou como unha chispa: -¡Este! –Dixo sinalando co índice a Casares-. E Casares empezou a rir. Alfredo, alporizado como se o feito ocorrese aquel mesmo día, volveu  contar o sucedido; e canto máis se acendía, máis ría Carlos coa cabeza gacha, á altura do mantel.

A Alfredo non lle parecía xusto que unha mostra da bonhomía de Fernández Albor, se convertese en anécdota risible; pero estou certo de que tamén Albor riría se oíse a Carlos contala, con aquela graza tan súa. Como rirá hoxe, ao recordala, desde os seus espléndidos cen anos.   

 

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.