Puntadas sen fío: Negros

Puntadas sen fío: Negros por Siro
Puntadas sen fío: Negros por Siro

En Sevilla, no século XVI, os negros libertos e os escravos autorizados polos amos participaban con profunda fe cristiá nas procesións do Corpus, como membros de cofradías creadas para eles por bispos da diócese; e cada ano eran recibidos por gran parte dos asistentes con aldraxes, asubíos e “burlas de boca”.

En febrero de 2006, durante o partido de fútbol Zaragoza – Barcelona, unha parte do público local dirixiu ao xogador camerunés Samuel Eto´o todos os alcumes racistas imaxinábeis, que culminaron con centos de voces reproducindo as dos simios.

Nos catro séculos entre un e outro feitos, os españois demostramos que a escravitude dos negros non nos creaba problemas de conciencia e que soberbia e cubiza son a base do racismo máis cruel. A xenreira ás cofradías dos negros esplicouse con argumentos teolóxicos: “Aunque, como dice Nuestro Señor Jesucristo, se puso en la cruz por todos y nuestra madre la Iglesia no excluye a los negros, en ella hay órdenes y grados como los hay en el cielo”. E con razóns mundanas: “Es contra buen orden y razón natural que siendo los hermanos de dicha cofradía esclavos (…), quieran competir con las demás cofradías de gente blanca”. Enténdese  que os negros non puidesen acceder ao sacerdocio, á universidade, á milicia, nin a un gremio artesanal; que no teatro aparecesen como personaxes cómicos e Quevedo e Góngora competisen en facelos máis risíbeis nos seus versos.

No Museo de Escultura de Valladolid exponse unha talla en madeira, policromada, do século XVI, que representa o milagre dos santos Cosme e Damián, irmáns e médicos, cando cortaron a perna dun negro morto e trasplantáronlla ao un diácono enfermo de gangrena. O curioso deste relevo é que o negro está vivo, laiándose no chan; e así se mostrou moitos anos no convento de San Francisco, sen que se alporizase ninguén. É tolería do artista, claro; pero na novela El celoso extremeño, Cervantes presenta un escravo negro castrado. E el reflectía a realidade.

En 1863, a Sociedade Antropolóxica de Londres determinou que a raza branca é, intelectualmente, superior á negra, e desde entón hai en España quen o cre. A José María Pemán esa convicción produciulle tal éxtase, que se propuxo colaborar co Supremo Creador “en la labor magna y única de blanquear rostros y abrir los ángulos encefálicos, para meter en ellos el pensamiento luminoso y civilizador de la bendita raza de Castilla”.

Na radio da miña infancia oíase, a todas horas, a Antonio Machín preguntando a un pintor por que non pintaba anxos negros. Era a canción protesta da época contra o racismo. Desde os anos setenta a miña é o Romance de la niña negra, do arxentino Rafael Amor sobre un poema de Luis Cuné: “Toda vestida de blanco/ almidonada y compuesta,/ en la puerta de su casa/ estaba la niña negra./ Las otras niñas del barrio/ jugaban en la vereda,/ las otras niñas del barrio/ nunca jugaron con ella./ En un silencio sin lágrimas/ lloraba la niña negra.”

E un día, toda vestida de branco, nun féretro de pino levaron á nena negra, e á presenza de Deus un anxo branco lévaa. Deus míraa docemente, aloumíñalle a cabeza e ponlle un lindo par de alas brancas. Despois Deus chama a todos os anxos e dilles: -¡Jueguen con ella!

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies