Puntadas sen fío: Miguel Mihura

Miguel-Mihura-por Siro
Miguel-Mihura-por Siro

Cúmprense hoxe 40 anos do pasamento de Miguel Mihura, quen, co seu facer de humorista gráfico e literario na prensa, no teatro e no cine, protagonizou gran parte do século XX español. Era malencarado, roñón, algo misántropo, ademais de pequeno e coxo; pero tiña enxeño humorístico e éxito coas mulleres.

Co enxeño facía burlas da súa coxeira: –Tengo una pierna más larga que otra, pero, en compensación, tengo la otra más corta. Co encanto persoal, que só percibía o estrato feminino, fixo numerosas conquistas; a máis sonada a dunha Sara Montiel xovencísima e fermosísima, á que levaba 25 anos, encirrada en casar con el. Mihura, solteiro por vocación e convicción, mandouna a México, onde León Felipe continuou o labor de Pigmalión que el comezara. Porén, aos 24 anos namorara dunha rapaza galega, filla dun fabricante de xabróns en A Toxa, á que nunca olvidou. En 1972 comentaba nunha entrevista: -Empecé a calcular para casarme, porque aquella chica hubiera sido mi paz, mi serenidad.

Mihura fora mal estudante e nunca tivo cultura literaria –aborrecía os clásicos e Valle parecíalle pesadísimo-, pero, de rapaz, no colexio San Isidoro de Madrid aprendera “a ser honrado, a ser nobre e a ser bo” e foino sempre.

Aínda que se tiña por home de esquerdas, o visto en Madrid nos últimos anos da República levouno a escoller o bando nacional ao se producir o Alzamento. Fuxiu a San Sebastián e dirixiu La Ametralladora, revista satírica adicada aos combatentes. O cambio da publicación foi radical e deixou de ser un libelo contra o inimigo para ser só divertida. O enorme éxito -chegou a tirar 100.000 exemplares- non impediu que o delegado de Prensa e Propaganda, Pedro Gómez Aparicio, lle tirase das orellas; pero sen éxito.

As autoridades franquistas sabían que Mihura non era un dos seus e cando quixo crear La Codorniz, catro directores xerais de Prensa lle negaron o permiso. Deullo o quinto, Jesús Ercilla, que fora redactor xefe de La Ametralladora. O redactor xefe de La Codorniz foi, a partir de 1944, Fernando Perdiguero Camps, humorista gráfico indultado despois de ser condenado a morte polo seu compromiso coa República.

Mihura, sincero e autocrítico, recoñeceu que o seu labor de humorista gráfico non daba para máis e centrouse no teatro e no cine. En 1932, mentres convalecía dunha operación no xeonllo, escribira a comedia Tres sombreros de copa, tan novidosa que ningún empresario ousou representala. Vinte anos despois faríao Gustavo Pérez Puig no teatro Español de Madrid cun grupo de actores do TEU. O éxito foi extraordinario, pero chegaba tarde. Cando Mihura a escribiu tiña só 27 anos e se a dese a coñecer sería o gran renovador da comedia contemporánea; o autor clave no teatro de vangarda. Aínda así, Ionesco eloxiouna e calificouna de “excelente ximnasia intelectual”.

Triunfou no teatro con outras comedias e no cine como guionista e adaptador de películas de fala inglesa. A de Una noche en la ópera, dos Marx, é memorable.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.