Puntadas sen fío: Luz Pozo e o cabaleiro Galahad

Luz Pozo poeta
Luz Pozo

Ao rematar a homenaxe que a Academia fixo á poeta Luz Pozo o pasado día 24, en que cumpría 95 anos, preguntábame cantos actos de tan altísimo nivel se celebrarán en Madrid, París ou Nova York ao longo do ano e, canto máis o pensaba, máis certo estaba de que serán moi poucos. As intervencións, ademais de eloxiar a obra poética da homenaxeada, coincidiron en subliñar que o grande amor que viviu co tamén poeta Eduardo Moreiras inspiroulle os mellores versos.  Dese amor falou publicamente Luz Pozo en incontábeis ocasións, pero nunca como comigo no ano 1997, cando a entrevistei para a sección Riscos, que facía neste xornal. Teño aquela serie polo meu mellor traballo periodístico e Luz debía de coincidir na valoración porque na conversa que mantivemos na súa casa abriu o corazón e deixou saír os recordos e os sentimentos máis íntimos. Ao rematar, eu sabía que naquelas notas levaba unha entrevista diferente e, despois, cando na redacción lle din a forma definitiva, souben que non a superaría ningunha outra. Leveilla a Luz e emocionouse ata as bágoas. Recoñeceuse totalmente e sentiuse leda porque dicía o que sempre quixera dicir. Dous días despois a entrevista sería publicada a toda páxina, coa correspondente caricatura.

Pasaron as horas e Luz empezou a pensar que aquelas declaracións súas farían dano ao primeiro marido, a quen respectaba e quería; chegou á convición de que non debería publicala e ás once da noite chamoume ao periódico para dicirmo, pero non me atopou. Falou co telefonista e pediulle, suplicoulle, que lle dese o teléfono da miña casa porque necesitaba falar comigo urxentemente. Non tivo éxito e perdeu os nervios. Anguriada, púxose a rezar e á unha da mañá chamou de novo ao meu teléfono da Voz e eu respondín. Fora cear cuns amigos e antes de volver a casa pasei pola redacción para recoller algo que esquecera. Luz, muller crente, tívoo por milagro.

O día seguinte volvín á súa casa, fixemos outra entrevista e saiu publicada. Desde entón Luz di que son o seu Cabaleiro, o seu Galahaz. Gustaríame publicar hoxe, como agasallo a Luz Pozo, aquela primeira entrevista, pero perdina cando a Voz pasou de Concepción Arenal a Sabón. Desapareceu do ordenador como desapareceron do meu estudo algúns debuxos irrepetibeis. Nunca entendín aqueles extravíos e cheguei á conclusión de que eran demasiado bos para ser meus.    

   

Deixa un comentario

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.