Puntadas sen fío: Leslie Howard en Madrid

Leslie Howard por Siro
Leslie Howard

De rapaz, cando toleaba polo cine e coñecía a todos os actores e actrices, aborrecía a Leslie Howard. “Traballaba” ben, pero non me gustaba a súa imaxe. Parecíame o que en castelán chamabamos “un lechuguino” e en Ferrol “un conacho”; pero as mulleres adorábano e en Hollywood levou unha vida frívola, de amorío en amorío, aínda que sempre volvía a Londres coa muller e cos fillos. Especial foi o idilio con Conchita Montenegro, a Greta Garbo española; e, aínda que Leslie volveu coa familia, entre eles quedou máis que amizade.

Cando o Reino Unido declarou a guerra a Alemania, Leslie Howard volveu a Londres e puxo a súa popularidade ao servizo do país. Desde a radio deu azos aos compatriotas despois de cada bombardeo nazi, repetindo a idea que o xornalista Augusto Assía levaría ao título dos libros coas crónicas da guerra: Cuando yunque, yunque. Cuando martillo, martillo.

O profesor Emilio Grandío, da USC, comentaba o pasado domingo en La Voz de Galicia que durante a Segunda Guerra Mundial Churchill confiara a diplomacia ao embaixador Samuel Hoare, quen debería convencer a Franco de que permanecese neutral a cambio de non ser molestado cando se producise a vitoria aliada. En 1943 o embaixador tiña pouco que facer ante o Goberno. Franco sabía das súas relacións cos xenerais que conspiraban contra el e con don Juan en Estoril. Churchill, coñecedor da situación, valeuse de Leslie Howard para chegar a Franco.

Conchita Montenegro volvera a España e tiña unha relación amorosa con Ricardo Giménez Arnau, director de Prensa da Falanxe Exterior. O 28 de abril de 1943 Leslie Howard viaxou a Madrid e, a través de Conchita e dos seus amigos, enviou a Franco a mensaxe de Churchill.

Aínda que a presenza de Howard se xustificou con varios actos da embaixada inglesa, os alemáns sospeitaron e encargaron descubrir o verdadeiro motivo á condesa Mechthild Von Hese Podewils-Dürniz, muller de gran beleza e espía enviada a España polo almirante Canaris. O 1 de xuño, o avión comercial Ibis, que levaba a Leslie Howard e outros 16 pasaxeiros de Lisboa a Brístol, foi derrubado por cazas alemáns a 200 millas de Cedeira. A veracidade destes feitos confirmáronlla a actriz e a condesa ao editor e xornalista José Rey Ximena, que os deu a coñecer no libro El vuelo del Ibis. Hoxe, unha placa de bronce recorda a Leslie Howard no camiño a San Andrés de Teixido.

Deixa un comentario

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.