Puntadas sen fío: “Las uvas de la ira”

Diana Quer
Diana Quer

É o título en español da gran novela The Grapes of Wrath, de John Steinbeck, que lin de rapaz e vin na pantalla, convertida en excelente película. Gardo un recordo impreciso do argumento e das imaxes e, porén, a noite de fin de ano, durante a cea familiar, despois de saber que o asasino de Diana Quer fora detido e identificado, esas cinco palabras batéronme teimosamente no cerebro como as badaladas dun reloxo avariado. Pensar que un imbécil dexenerado e brután lle roubou a vida a unha criatura como Diana cando apenas empezaba a vivila, provocoume un sentimento de ira que me custou disimular porque medraba ao matinar en que por ese crime monstruoso, despois da redución de penas por traballo, estudo, bo comportamento… pagará un prezo de saldo.

O berro da irmá de Diana Quer: «¡Pagarás, hijo de puta!» será máis a expresión dun desexo que unha realidade. A violencia sexual é unha pandemia mundial, e as tres violacións denunciadas diariamente en España proban a gravidade dun problema que nos negamos a recoñecer. Tiveron que morrer asasinadas máis de mil mulleres para que o Congreso aprobase un Pacto de Estado contra a violencia machista, pero segue sen haber un plan nacional contra a violencia sexual.

Conta Pedro o Aretino nos Diálogos Putescos que no Nápoles do século XVI algunhas prostitutas acadaban o doutorado «ao recibir a Trinta e unha»; isto é, ao manter relacións sexuais con 31 homes, un tras outro, ininterrompidamente. Sempre me pareceu unha mostra da brutalidade da época e preguntábame que clase de homes se prestarían a entrar nesa cadea. Non é mellor o noso tempo e moitísimo peores son os violadores en grupo -sempre mozos-, que espallan, fachendosos, as imaxes das súas fazañas; pero, sobre todo, arrepía comprobar que nin sequera esas atrocidades removen as conciencias. Que unha tuiteira independentista pedise que Arrimadas fose violada en grupo e un ex xuíz engadise: «A esta desgraciada no creo que nunca la violen ni en grupo, ni en cuadrilla, ni con alevosía o nocturnidad»; que en Aranda del Duero haxa manifestacións veciñais en apoio a tres xogadores de fútbol, de 19, 22 e 24 anos de idade, acusados de violar en grupo a unha rapaza de 15; que o avogado dun membro de La Manada tentase criminalizar á vítima porque non a vía abondo triste; que un coñecido xornalista, sen achegar un só dato que o xustifique, provocase un debate na súa audiencia sobre se a denunciante di a verdade ou mente, son síntomas da insensibilidade social. Por certo, catro integrantes de La Manada responden ante a Xustiza por outro caso de violación en Pozoblanco (Córdoba). Por todo isto e porque a noite de Fin de Ano eu tamén era pai, nai e irmá de Diana Quer, as miñas uvas foron as da ira. As dos compoñentes do grupo de investigación que con tanta profesionalidade conseguiron esclarecer o crime, seguro que nunca foron máis doces. A todos, parabéns e grazas.

1 comentario en “Puntadas sen fío: “Las uvas de la ira””

  1. Gracias Siro por la defensa que haces por las victimas de la violencia de Género y que sirva tu escrito para que el Gobierno haga algo. Apertas

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.