Puntadas sen fío: La cuestión catalana

La cuestión catalana por Siro
La cuestión catalana por Siro

A comezos da Transición vin por primeira vez en TV a homenaxe que a ONU rendeu a Pau Casals o 24 de outubro de 1971. Recordo a emoción do prestixioso músico, de 94 anos, e a que eu sentín cando a ofreceu á súa Cataluña: «Yo soy catalán. Cataluña es hoy una provincia de España. Pero ¿qué fue Cataluña? Cataluña fue la nación más grande del mundo. Les explicaré por qué. Cataluña tuvo el primer parlamento, mucho antes que Inglaterra. En Cataluña estuvo el comienzo de las Naciones Unidas. En el siglo XI todas las autoridades de Cataluña se reunieron en una ciudad de Francia, que entonces era Cataluña, para hablar de paz. ¡En el siglo XI! Paz en el mundo, y contra, contra, contra las guerras, contra la inhumanidad de las guerras. Esto era Cataluña». 

 A Unesco recoñecería en 2013 que as Cortes de León de 1188 son o testemuño documental máis antigo do sistema parlamentario europeo, pero Pau Casals non o sabía e aquelas palabras naceron do seu orgullo de catalán; porque o catalanismo é, antes que ningunha outra cousa, un sentimento. Por estraño que resulte, sóuboo ver e díxoo o mozo parlamentario José Antonio Primo de Rivera nas Cortes Republicanas de 1934: «Cataluña es muchas cosas a la vez, y mucho más profundas que un simple pueblo de mercaderes. Cataluña es un pueblo profundamente sentimental; el problema de Cataluña no es sobre importaciones y exportaciones; es un problema -muy difícil-, un problema de sentimientos».
 
Non o viran así outros políticos do XVIII e XIX, e aquel catalanismo romántico que se expresaba na Diada para conmemorar a rendición de Barcelona ante o exército de Filipe V foise convertendo en expresión política cando en Madrid se ditaron as primeiras disposicións contra o idioma catalán. Nin o viron os políticos de comezos do XX que deixaron impune o asalto dun cento de militares á redacción da revista satírica ¡Cu-Cut! -publicación conservadora e catalanista, próxima á Lliga, de Cambó- por unha viñeta na que se facía mofa da derrota do exército español na guerra colonial. Un Goberno submiso creou a Ley de Jurisdicciones, que poñía baixo xurisdición militar as ofensas á unidade da patria, á bandeira e ao exército; pero os partidos cataláns -catalanistas e non catalanistas- rexeitárona e coligáronse en Solidaritat Catalana, con éxitos electorais espectaculares. Foi o comezo do que se chamou «la cuestión catalana», eufemismo que non oculta a gravidade do problema.
 
Por amolar ao PSOE, o Partido Popular cegouse e denunciou ante o Tribunal Constitucional o Estatuto de Autonomía de Cataluña e, ao facelo, remexeulles as tripas aos catalanistas; tremendo erro porque nas tripas é onde os máis dos cataláns teñen hoxe os sentimentos. Por iso votaron os partidos con posicións radicais e non aos que predicaban o entendemento entre as partes.
 
Atribúese a Espartero a frase «A Cataluña hay que bombardearla cada 50 años para mantenerla a raya». Se Rajoy non le polo dereito os resultados do día 21, terá que bombardear Cataluña co 155 cada semana.

1 comentario en “Puntadas sen fío: La cuestión catalana

Deixa un comentario

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.