Puntadas sen fío: Humor e política

bob_pop_periodista
Bob Pop

¡Acabáramos! Xa me parecía a min que na declaración da República Independente de Catalunya había algo raro. Aclarouno, por fin, a presidenta do Parlament no Tribunal Supremo ao explicar que a declaración de independencia foi simbólica e sen validez xurídica. Que era unha broma, vamos; una cuchufleta, un divertiment, un joc entre polítics. O que pasa é que Rajoy cre todo e tomouno en serio.

E é raro porque Rajoy é galego e retranqueiro cando quere, polo que debería entender que se Puigdemont lucía o sorriso da Gioconda a todas horas, era porque a declaración de independencia de Catalunya era guasa, conya, pitorrei... Non o soubo ver, mandou os gardas civís para impedir o referendo e o que debería rematar cunhas risas entre o Goberno e o Gobern, rematou coma o rosario da aurora.

E é mágoa porque en España abonda o humor. A min non hai quen me quite da cabeza que o Caso Gúrtel é un cachondeo e o de Undargarín nin che conto. “O Bigotes” pedindo á comisión que investiga a xestión da Feira de Valencia que o deixen marchar porque segue no cárcere un curso de cociña “y estábamos pochando, y me he perdido el trabajo y luego me hacen exámenes”, faime rir a gargalladas; e cando un ministro, o portavoz do Goberno ou o portavoz do PP di que en España todos somos iguais ante a Lei, río tanto, que me saltan as bágoas.

Con todo, as mellores creacións humorísticas des que o Goberno aplicou en Catalunya o artigo 155, vinas en TV, no programa El Intermedio, cando o enxeñoso e habelencioso Iván Lagarto converteu unha breve alocución de Puigdemont en Bruxelas, na canción “It´s not a crime”, ao  xeito dos Monty Pithon; e en Late Motiv, cando o graciosísimo e enxeñosísimo Bop Pop sorprendeu á audiencia con parágrafos aplicábeis ao Procés, que collera na páxina 155 en libros de Raimundo Lulio, Montaigne, Fuster Wallace, Montalbán, Todorov, Orwell e Aznar. Como Bop invitou aos espectadores a seguir o seu exemplo, collín algúns libros que tiña a man, fun á páxina 155 e atopei o seguinte:

En “El rey Lear” fala Puigdemont: –Nadie infringe nada, nadie; yo respondo. Tú hazme caso, amigo, que yo puedo silenciar al acusador. Ponte ojos de cristal y, como el vil marrullero, aparenta ver lo que no ves.

En “Gargantúa”, de Rabelais, fala Rajoy: –Soy de la opinión de que los persigamos mientras la suerte está a nuestro favor, pues la Ocasión tiene todos los pelos en su frente; una vez que ha pasado ya no la podéis revocar; está calva por la parte de atrás de la cabeza y nunca jamás se da la vuelta.

En “Mihura. Humor y melancolía”, de Julián Moreiro, fala Sara Carreira, enviada da Voz a Barcelona: –Las representaciones contaron con un público mayoritariamente joven e incondicional; siguiendo su ejemplo, otros grupos de aficionados realizaron montajes de la comedia, que se convirtió en uno de los emblemas del llamado teatro de cámara.

Intúo que o 155 é un número máxico e que coa páxina 155 de moitos libros sería posible facer outro extraordinario: “O Libro do Bo Humor”.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.