Puntadas sen fío: Homosexualidade e psicopatías

Xuíza ElóseguiA miña adhesión á causa gay vén da infancia, do ano 1950, cando un comisario de policía de Ferrol quixo acabar coa homosexualidade na cidade e mandou deter aos mariquitas máis coñecidos para interrogalos e, a partir deles, a ducias de homes –moitos, pais de familia-, aos que cortaban o pelo ao cero e sacaban á mofa pública. Tivo que parar cando topou co clero e cos exércitos, pero o mal estaba feito: moitas familias quedaron estigmatizadas e durante anos a cidade foi coñecida como “El Ferrol del Culo”.

A finais dos 70, en plena Transición, TVE ofreceu un faladoiro sobre García Lorca, no que varios amigos e estudosos eloxiaron ao autor e á súa obra. Todo moi ben ata que a un –non dou o nome por se a memoria me falla- se lle ocorreu comentar que a Lorca o asasinaran por republicano e homosexual. Fíxose o silencio, ninguén engadiu nada e, ao día seguinte, a prensa apareceu inzada de comunicados de asociacións culturais, sindicatos e demais baluartes da roxaría, poñendo a parir a aquel bardallas que luxara a memoria do poeta. O ilustre interlocutor tivo que retractarse, citar un lapsus linguae e afirmar que xamais se lle ocorrería pensar que Lorca fose homosexual.

A aceptación da homosexualidade na España democrática conseguírona cómicos de gran talento como Javier Gurruchaga, Martes y Trece, Moncho Borrajo, Los Morancos…; artistas provocadores como Almodóvar e “El Titi” -un Miguel de Molina do noso tempo, morto hai poucos anos-; e Bibi Andersen. Cando apareceu por primeira vez en TV, Éspaña enteira sentiu tremar os alicerces máis sólidos das convicións sexuais. Despois dun par de cruces de pernas en primeirísimo plano, o de Sharon Stone en “Instinto básico” a min pareceume unha lilaina, “un quero e non podo”.

Porén, os homosexuais non o tiveron fácil e o “Caso Arny” –el último intento de las cavernas, las fuerzas reaccionarias y el poder homófobo para asestar un golpe a la libertad y la tolerancia, a que cada uno tenga su opción sexual- en palabras do presentador Jesús Vázquez, foi unha traxedia persoal que algún non chegou a superar. O meu paisano bota fume contra María Elósegui, catedrática de Filosofía do Dereito, que vai formar parte do Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo, porque afirmou reiteradamente que os homosexuais chegan a desenvolvolver distintas patoloxías psíquicas. Eu non creo que María Elósegui se refira a Platón, Leonardo, Miguel Anxo, Wilde, Proust, Castelar, Hockney, Lorca, Cernuda, Greta Garbo, Navratilova, Jodie Foster…, a non ser que considere “patoloxías” a xenialidade e o talento. Supoño que, por ser profundamente católica, pensará en pederastas como o cardeal mexicano Marcial Maciel, fundador dos Lexionarios de Cristo; o crego chileno Fernando Karadima, suspendido por vida polo papa Benedicto XVI; o cardeal Bernard Law, que encubriu a tantos curas pederastas en Estados Unidos… En calquera caso, quen desenvolvemos patoloxías psíquicas somos os heteros. Hai que ser moi sádicos, auténticos psicópatas, para idear tormentos como os que, durante séculos, se aplicaron aos homosexuais ou para convertelos en churrasco nas prazas públicas.

Deixa un comentario

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.