Puntadas sen fío: Hijos de la Chingada

Hijos-de-la-Gran-Chingada-por_SiroOctavio Paz preguntouse quen é a Chingada e cal o significado desta expresión mexicana, de usos múltiples, e chegou á conclusión de que a Chingada é unha Nai mítica, a Nai violada que, por selo, queda deshonrada, como quedará o fillo concibido nesa violación. A orixe do mito está na conquista de México por Hernán Cortés, e o símbolo da Chingada é dona Mariña, a escrava azteca que o axudou a vencer ao propio pobo. O seu nome era Malintzin, pero o soldado e cronista Bernal del Castillo, presente na conquista, transformouno en Malinche, e moitos anos despois a Academia Mexicana da Lingua recolleu a voz «malinchismo» co significado de «actitud de quien muestra apego a lo extranjero con menosprecio de lo suyo». 

Autores recentes dan da figura histórica da Malinche unha visión máis precisa e xusta. Nin amante de Cortés nunha relación romántica inventada en España, nin traidora a unha patria mexicana inexistente. Escrava desde nena, primeiro dos indios de Tabasco e despois de Cortés, que lle fixo dous fillos e deulle a liberdade para casala cun lugartenente español que chegou borracho á voda. A Malinche, representada nun mural de José Clemente Orozco como a Eva mexicana, é a violada que cala, a encarnación da Chingada; e o mexicano, que non quere ser indio, nin español, nin mestizo, vive en permanente contradición e se para aldraxar a alguén chámalle «hijo de la Chingada», cada 15 de setembro, na Festa da Independencia, faise malinchista e berra con orgullo: ¡Viva México, hijos de la Chingada! 

A min paréceme que a Chingada é en España a ideoloxía política da esquerda, tantas veces violada por quen chega ao poder invocando as convicións morais que a identifican, sen crer nelas. Coido que ese é o verdadeiro problema: a carencia dunha ética persoal coherente cos ideais políticos da esquerda. A corrupción, o cainismo, a subordinación da ética política ao éxito electoral na esquerda, baséanse nesa falta de ética persoal. Un político de esquerdas non pode dicir: «Se é legal, é ético», como dixo un político de dereitas, o ex-conselleiro de Pesca Enrique López Veiga, que cobra 72.800 euros como senador e 59.600 de pensión como ex-funcionario europeo. E quizais ningún o di, pero ¿cantos non cobran como asesores de Telefónica, compañías eléctricas e outras empresas que nunca pisan? Un político de esquerdas non pode considerar «un incidente menor» a chulería dunha deputada ante a policía municipal; nin autorizar a compra irregular duns pisos e non asumir responsabilidades. Non pode porque todos sabemos que se os protagonistas das irregularidades fosen do PP ou de C’s, a esquerda pediría as súas cabezas. 

Como os mexicanos que, por non querer ser, non saben quen son, millóns de homes e mulleres en España renegamos da dereita e bufamos contra a esquerda. Despois, en cada cita electoral, xuramos baixiño, respiramos fondo e recoñecémonos fillos da Chingada.

 

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.