Ferrol, Ferrol, Ferrol, onde eu nacín: Un militar e escritorFerrol, Ferrol, Ferrol, onde eu nacín: Un militar e escritor

juan_beceiro_amado
Juan Beceiro Amado

O 25 de xaneiro de 1927 saía de Ferrol o cruceiro Blas de Lezo coa misión de protexer aos españoles residentes en Shangai, ante a gravidade da situación que se vivía en China, despois de décadas de rebelión anticolonialista e a punto de comezar a guerra civil entre comunistas e anticomunistas. O capitán de máquinas era o ferrolán Juan Beceiro Díaz, quen un ano antes sulcara o Atlántico no mesmo buque, apoiando o voo do Plus Ultra.

Juan Beceiro era de San Xoán e casou con Felicia Amado, veciña de Caranza. Tiveron dous fillos: Manolo, que foi director do Banco da Coruña en Ferrol; e Juan, que fixo carreira militar no exército de terra. A Juan Beceiro Amado alude o titular deste artigo, porque, se como militar seguiu a traxectoria que as circunstancias lle impuxeron, sen nada reseñable que me movese a ocuparme del, é a súa condición de militar e o feito de escribir o que escribiu o que fan del un autor peculiar, e coido que único.

No 1918 era alumno de Infantería, no 1921 alférez, e no 1923 teniente na guerra de África, ata a fin da mesma . Despois volveu a Ferrol, onde ascendeu a capitán. No 1931 casou coa ferrolana Elisa García Dopico, e o matrimonio habitou un piso da rúa Magdalena. No 1934 mandou unha compañía das tropas enviadas a Asturias para acabar co movemento revolucionario, e en Ferrol estaba o 18 de xullo do 1936, pasando a formar parte do exército do bando nacional, e participando en numerosas accións de guerra, primeiro en Castela e despois en Teruel, onde ascendeu a comandante. O final da guerra viviuno en Extremadura.

De novo en Ferrol ata o ano 1943, e despois destinos en Madrid, Salamanca, Valladolid e Melilla, cos conseguintes ascensos ata o de xeneral de brigada, no 1961. Non deixara de vir coa familia a Ferrol no verán e en Nadal, e cando pasou á reserva quixo volver e quedar; pero era home de pouca saúde e os médicos recomendáronlle o clima do sur, polo que fixou a residencia en Granada. Morreu en Madrid, durante unha visita aos fillos, no 1990, cando tiña 81anos.

O xeneral Beceiro Amado, calado e discretísimo, non manifestaba ideas, nin sentimentos. Os fillos xamais lle oíron falar da guerra, nin souberon que tiña vocación literaria; pero un día chegou de New York una tarxeta de José Manuel Pita Andrade –home cultísimo, que sería o primeiro director do Museo do Prado en democracia- felicitándoo polos “interesantísimos e inspirados” contos que lle enviara, e animándoo a publícalos. E outro día mostrou a traducción que fixera do Quixote ao galego. Era a primeira traducción do Quixote ao galego, e, ademáis, escrita a man, imitando a letra de imprenta. Despois apareceron as da Ilíada, a Odisea, Divinas palabras, o Lazarillo de Tormes, o Buscón

O xeneral Beceiro aprenderá o galego, de neno, cunha criada que coidaba del e non falaba castelán. Xa home feito, arrequeceu o vocabulario con José, un vello que lle coidaba a finca de Santa Mariña, ao que costaba entender. A ese galego traduciu os clásicos, pero cando quixo que a Xunta lle publicase o Quixote dixéronlle que non, porque non era o galego normativo. Endebén, estas traduccións son, pola personalidade do autor e o tempo en que foron feitas, documentos valiosísimos que non poden perderse, e paréceme que o goberno municipal debe actuar para traelas a Ferrol.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.