Puntadas sen fío: Dereitas, esquerdas e machismo árabe

Hai trinta anos, nunha viaxe por Bélxica, coñecín un guía turístico simpatiquísimo. Gran bebedor de cervexa e contador de infinitos chistes sobre a cutrería dos holandeses, ría tanto e tan estrondoso, que, véndoo, ninguén diría que militaba na extrema dereita; pero facíao e un día, despois dunhas xarras de cervexa negra de tan alta graduación que a chamaban “tumba homes”, comenteillo. Deixou de rir e explicoume que sempre fora de esquerdas, pero non podía aceptar que Bélxica se deixase invadir por árabes que vivían do Estado por ter unha chea de fillos. Repetiume o anaco do discurso do presidente arxelino Bumedian na ONU, anunciando que os árabes conquistarían Europa, sen armas, porque serían os ventres das súas mulleres quen lles daría a vitoria; e rematou:

¿Sabes o peor? Incumpren as nosas leis, e consentímosllo.  

Era certo e sucede en España. Sei que non se pode xeralizar, pero os profesionais do ensino saben das moitas nenas árabes que deixan de asistir ás escolas en canto acadan a pubertade, sen que as Administracións o impidan. Dese machismo aberrante fun eu testemuña nun par de ocasións.

 Nun pobo da serra de Madrid un construtor marroquí fixo unha ringleira de chalés e vendeunos. Estaban ben feitos, pero un tiña pequenos fallos e os propietarios chamárono. A situación era ridícula porque a señora da casa expoñía os problemas e o construtor respondíalle ao marido, que estaba calado. –¡Míreme a mí, que soy quien le habla! Dicíalle ela, e o construtor “vista al frente”, como aqueixado de tortícoli.

A outra foi na oficina de Facenda no Escorial. A carón de min estaba un matrimonio árabe e cando unha funcionaria cantou o seu numero e a muller se erguía, o marido colleuna do brazo e sentouna para esperar que os atendese un varón. A funcionaria ollounos e dixo: -Si no vienen ahora, pierden la vez y tendrán que coger otro número. Foron e cada vez que a muller árabe empezaba a falar, o marido interrompíaa e falaba el. Facíao tan mal, que non había xeito de entenderse e a funcionaria –curtida en mil batallas semellantes- explotou: -¡Cállese y deje hablar a su mujer, que sabe de lo que habla  y la entiendo! O árabe calou, pero a súa ollada daba medo.

Ante o terrorismo yihadista o machismo árabe pasou a ser un mal menor, pero a min faime dano; e como a miña incomprensión non é “progre”, ándame na cabeza unha viñeta que publiquei en 1980, cun home apoucado, “un miñaxoia”, e un pé que dicía: -O home que votou polas esquerdas sen saber que era de dereitas.

¿Sería eu?  

Deixa un comentario

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.