Puntadas sen fío: Colón, símbolo de odio

En New York queren quitar o monumento a Colón, erixido para conmemorar os 400 anos do Descubrimento. Unha concelleira de orixe portorriqueña, Melissa Mark-Viverito, di que Colón “llevó opresión a los nativos que poblaban el Caribe”, polo que o monumento pode ser un “símbolo de odio”.

Tamén en Barcelona, no 2016, os concelleiros da CUP levaron a un pleno a proposta de retirar o monumento a Colón e poñer no seu lugar un símbolo da resistencia americana “contra o imperialismo, a opresión e a segregación indíxena e afroamericana”.

Desde rapaz, Cristóbal Colón foi un dos meus heroes favoritos. Con sete anos debuxaba na pizarra as carabelas navegando, unha detrás de outra, cara o horizonte e con nove pasmaba vendo nun libro da Biblioteca Municipal de Ferrol as reproducións dos lenzos que representaban o momento supremo do Descubrimento. Gustábame, sobre todo, o do pintor romántico Teófilo Dióscuro Puebla, no que Colón co cabelo branco, xeonllo en terra, o estandarte nunha man e a espada rendida na outra, ergue os ollos ao Ceo. Coma el, soldados e mariñeiros de aspecto nobre e pulcrísimos, como recén saídos da ducha, parecen orar en silenzo, mentres un monxe franciscano adianta o brazo co crucifixo, anunciando a misión evanxelizadora de España. Os indios, espidos, óllanos como a deuses.

Moi novo, souben que na misión civilizadora de España en América houbo tanta crueldade e expolio, que o Papa Paulo III tivo que publicar a bula Unigenitus Deus,  na que alude aos encomendeiros e conquistadores que, por cubiza, afirman que os indios non son humanos e redúcenos á escravitude “con tantas aflicións como as que usan coas bestas”. Endebén, a figura de Colón parecía libre de culpa e cando coñecín a información sobre a súa posible galeguidade, intereseime, convencinme e, ao sabelo galego, sentín certa fachenda. ¡Home, algo “caco” era, que na primeira viaxe prometera 10.000 maravedís a quen avistase terra e cando Rodrigo de Triana o fixo, non lle pagou porque dixo que el a vira primeiro!

Pero no ano 2006 a historiadora Consuelo Varela deu a coñecer un documento aparecido no arquivo de Simancas, que recolle a investigación do comendador Francisco de Bobadilla sobre a xestión de Colón como Virrei e Gobernador das Indias. Colón aparece como un tirano, un ser ruin, avarento e cruel, que só vía nos indios unha fonte de ingresos a través do seu traballo ou da venta como escravos. Perdeuno a cubiza e volveu a España cargado de cadeas.

Eduardo Galeano, o escritor uruguaio listo como un allo, xa notara que “en su diario, Colón escribió 139 veces la palabra oro y 51 la palabra Dios o Nuestro Señor”.

2 comentarios en “Puntadas sen fío: Colón, símbolo de odio”

  1. Hombre Colon no era un religioso precisamente si no un ser mundano con obligaciones por las que rendir cuentas y por ello es mas razonable hable de oro (dinero) que de temas Teológicos.
    Y yo creo que si, lo que hay es un animo no por defenestrar a Colon sino a España en todos los ambitos y aqui ya sabemos la izquierda es apatrida por naturaleza y la española ademas por aficion.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.