Puntadas sen fío: Chaplin, Cervantes e un Charlot quixotesco

Chaplin, Cervantes e un Charlot quixotesco
Chaplin, Cervantes e un Charlot quixotesco

O 25 de Nadal cumpríronse 40 anos do pasamento de Charles Chaplin, o xenial humorista que levou ao cine a lección maxistral impartida por Cervantes no Quixote. Que Charlot é unha recreación de Don Quixote vírono distintos estudosos da literatura e do cine, que analizaron canto hai en común nos dous personaxes, desde a indumentaria ridícula á interpretación idealista da realidade, coa conseguinte predisposición a «desfacer agravios». E, sobre todo, o feito de que as súas aventuras nos fan sorrir e emocionarnos a un tempo.

Celestino Fernández de la Vega recorda en O segredo do humorque o humorismo está nos creadores, non nas súas criaturas; por iso as coincidencias entre Don Quixote e Charlot son as de Cervantes e Chaplin. A mesma sensibilidade ante o próximo e a capacidade de superar a propia anguria a través do humor, fan que numerosos aforismos dun e doutro puidesen ser intercambiábeis.

-A miña dor pode ser causa da risa de alguén; pero a miña risa non pode causar dor a ninguén.

-Sorrí aínda que che doia o corazón, aínda que o teñas roto; aínda que haxa nubes no ceo; malia o medo e a dor. Sorrí e quizais mañá o sol brille para ti.

Son de Chaplin, pero están na liña de Cervantes, que aborrecía a sátira cruel e acadara o cumio da sabedoría humorística ao afirmar: «El que hoy cae puede levantarse mañana, si no es que se quiera estar en la cama».

De Chaplin tense dito que, con Charlot, converteu o humor en crítica social, lección de humanidade e expresión poética. O mesmo fixera Cervantes con Don Quixote tres séculos antes.

En Tempos modernos, película de 1936, Chaplin, xa sen Charlot, enfrontouse ao capitalismo ao denunciar as condicións de traballo dos obreiros, alleados coma monicreques, nas cadeas de montaxe. Cervantes denunciara no Quixote á nobreza ignorante e preguiceira, e despois ao mesmísimo Felipe II, quen deixaba, ao morrer, «las arcas vacías donde se encerraba el oro» por guerrear ao «cita en el oriente, el bárbaro al mediodía, el luterano al poniente».

En 1947, despois de residir catro décadas nos EE.UU., Chaplin foi acusado polo Comité de Actividades Antiamericanas de contribuír a destruír a febra moral da nación. Tamén o senador Richard Nixon afirmou: «Chaplin é unha ameaza para as institucións». Foi chamado a testificar en varias ocasións, pero non compareceu. En 1952, cando viaxou a Europa para presentar a película Candilejas, prohibíuselle volver e fixou a residencia en Suíza. Viaxou en 1972 para recoller en Hollywood un Oscar honorifico pola súa traxectoria. A ovación do auditorio, posto en pé, durou doce minutos.

Hoover, o poderoso director do FBI, pasou trinta anos tentando demostrar que Chaplin non era Chaplin, senón un xudeu chamado Israel Thonstein, espía de Moscú. Edgard Neville, que foi o seu amigo en Hollywood, contou que era neto dunha xitana española e tamén que cantaba en ruso e en éuscaro, e daba grandes propinas ao porteiro dun restaurante por ser neto de Tolstoi.

Deixa un comentario

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.