Puntadas sen fío: As medallas de Paco

Paco Vázquez por Siro
Paco Vázquez por Siro

Digo Paco e non Francisco Vázquez porque a quen queren quitar as medallas os deputados de En Marea non é ao Francisco Vázquez ex-alcalde de A Coruña e ex-embaixador preto da Santa Sede, senón ao Paco que deixou a militancia no PSOE en 2014 e desde entón exerce –di el- “de crispador y a mucha honra”, sen perder ocasión de amolar aos novos dirixentes. Déixase querer por Albert Rivera e acompáñao nos actos que Ciudadanos celebra na Coruña; descualifica a xestión do Goberno no Vaticano sobre Franco e a Almudena; e pásao pipa. Tira a pedra, mostra a man e ri coa risa bronquial do Risiñas, o can pillabán do doutor Pierre Nondouunha, na divertida serie de debuxos animados Autos tolos, tolos. Por certo, Risiñas reloucaba polas medallas e cando lle concedían unha, brincaba, bailaba, abrazábase e levitaba. Seica Francisco Vázquez tamén.

Pois os deputados de En Marea instan ao Goberno a retirarlle as medallas por unhas declaracións na Cadea Cope, o pasado 31 de octubro, nas que considerou “inapropiada” a forma de vestir a vicepresidenta na visita oficial ao Vaticano; e iso “atenta contra a liberdade das mulleres”.

Pregúntome que estraña lóxica pode levar á conclusión de que criticar o vestido dunha señora concreta, nun acto concreto, é un atentado contra a liberdade das mulleres. A min pareceume que a vicepresidenta vestía ben, pero se Paco entende que o escote era demasiado xeneroso, dadas as estritas normas que o Vaticano impón respecto á carne pecadora, como non vai poder dicilo, aínda que sexa para chinchar?

O outro argumento para deixalo sen medallas é que no acto con Rivera conceptuou a Lei da Memoria Histórica de “revanchismo loco” e “remedo de la ley de represión del comunismo y de la masonería”. Para os deputados de En Marea foi “un atentado contra os valores democráticos no noso país”. Home, non; a Lei da Memoria Histórica é cuestionable coma calquera outra e o xeito de levala á práctica moitísimo máis.

O primeiro vestixio franquista retirado polo concello de Madrid, en xaneiro de 2016, en cumprimento da Lei da Memoria Histórica, foi a placa que recordaba a oito xoves carmelitas, con idades entre 18 e 20 anos, fusilados por un grupo de milicianos no cemiterio de Carabanchel Baixo. O texto dicía: “A la memoria de los siervos de Dios (os oito nomes), religiosos carmelitas fusilados en este lugar el 18 de agosto de 1936. En el XXV aniversario de su inmolación”. A concelleira de Cultura xustificou a retirada da placa pola palabra “inmolación” e porque fora posta na Ditadura. Horas despois o goberno municipal admitiu o erro e repúxoa.

O artículo 1º da Lei da Memoria Histórica alude aos que padeceron persecución ou violencia por razóns políticas, ideolóxicas, ou de crenza relixiosa durante a Guerra Civil e a Ditadura; porén non se retirou en España nin unha soa placa dos responsábeis dos crimes republicanos.

Con razón outro Paco, don Francisco de Quevedo y Villegas, dixo que as leis boas son, pero habendo por medio lexistas, vólvense parvas e sen entendemento.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.