Riscos: Luz PozoRiscos: Luz Pozo

Todo, mesmo a poesía, é subsidiario do amor

É autora dalgúns dos poemarios máis fermosos das nosas letras e a primeira escritora que ingresou na Real Academia Galega. Conserva integramente o engado da mocidade e por eso declara a idade con orgullo. Toda a súa vida é unha extraordinaria historia de amor.

Luz Pozo poeta
Luz Pozo

-¿Como recorda a súa infancia en Ribadeo?

-Felicísima. En Ribadeo vivín ata os sete anos, xogando con nenas e nenos indistintamente, porque tamén iamos xuntos á escola e compartiamos os pupitres. Lía moitísimo e cheguei a saber de memoria un libro que gardaba debaixo da almofada, titulado Retazos, fabulitas y cuentos para los chiquillos. Tamén tiña unha imprentiña manual, coa que compuña versos.

-O ambiente familiar propiciaba a súa curiosidade intelectual.

-Si, a miña nai era unha muller moi culta, intelixente e fermosísima, que sabía inglés, francés, italiano, taquigrafía, mecanografía e contabilidade e que, cando nos instalamos en Viveiro, deu clases a nenos que querían preparar o ingreso no bacharelato. Era unha muller extraordinaria e influíu moito en min. Pero ademais a nosa era unha casa de lectura. Tanto en Ribadeo coma en Viveiro, ás oito estabamos recollidos, ás nove ceabamos e logo meu pai, que o facía moi ben, lía en alto poemas en castelán e en galego, ou algún capítulo dunha novela interesante. Eso fixo que, aínda que no Heraldo de Viveiro se me recorde como a nena que máis xogaba na vila, tamén me gostase o estudio e que me divertise con materias tan distintas coma a xeometría e o latín, ou coas clases de violín e de piano.

-¿E cando se converteu en musa de escritores e artistas?

-Esas son cousas que se din, pero eu non as creo. Desde logo, se o fun, a min non me dixeron nada. 

-¿E muller obxecto, sentiuse algunha vez?

-Non, nunca.

-¿Nin sequera baixo as consignas da Sección Feminina?

-Había moita normativa restrictiva, pero non facía caso. Sempre fun libre. Hai pouco comentoume un amigo da infancia: <Con Franco ías os Venres Santos á praia en bicicleta, cos socialistas ías á misa os domingos>. Pois si, así son eu.

-¿E con estes que fai?

-Sigo indo á misa os domingos e festas de gardar.

-¿Cando descubriu o amor?

-Ós doce anos namoreime dun rapaz guapísimo, pero miña nai afastábame del con moita sutileza e poñíame traxe de mariñeiriña e un lazo enorme na cabeza, para facerme máis nena. O primeiro amor sentino ós dezaoito polo meu profesor de Física e Química. Atraíanme os homes de idade e, aínda que el non tiña moita máis ca min, aparentábaa polo guapo, elegante, serio e reservado que era. A min eso gustábame.

-¿E que pasou?

-Casamos ó facer eu os vinteún e tivemos tres fillos, pero non nos entendemos porque tiñamos caracteres moi diferentes. Era boísimo comigo, tratábame coma a unha filla.

-Entón, ¿é certo que os grandes amores rematan en traxedia e os pequenos no aburrimento?

-Pode ser, pero o noso morreu axiña de forma tan natural, que derivou nunha fermosa amizade. Logo empecei a escribir e Dionisio Gamayo Fierros, que tanto me axudou, púxome en relación con outros poetas, fixen as carreiras de piano e Filosofía e Letras, e atopei o meu mundo. 

-¿A poesía foi para vostede outro amor?

-Foino sempre. Non concibo a vida sen poesía.

-Pero ningún amor pode substituír o amor.

-Non, o amor está por riba de todo. A poesía, coma calquera outra cousa, é subsidiaria do amor.

-¿E cando soubo o que é un grande amor?

-Cando me fun vivir con Eduardo Moreiras. Casamos e ata a súa morte non houbo un só día que non fose inmensamente feliz.

-Din que o verdadeiro amor é o do flechazo.

-O noso si, namoramos de contado. Cando nos vimos por vez primeira dixo que sentira un terror relixioso.

-¿E vostede?

-A min encantoume. Era alto, baril, bo mozo, con ollos grandes e boca preciosa… O nariz longo, eso si, pero dáballe carácter. Tiña moita personalidade, unha voz preciosa e todas as cousas que dicía eran de poeta namorado. Había que renderse.

Coincidían en todo.

-Había entre nós unha coincidencia total. Amabamos a natureza e,  polo menos dúas veces ó día, saiamos pasear por algún recuncho fermoso e percorremos a pé as costas dos arredores de Vigo. Iamos cada ano ó Courel e subiamos ó Piapáxaro… Teño un poema no que conto como me regalou todos aqueles montes. Coincidiamos na afección á música e conservo os discos que escoitabamos xuntos. Eu axudeino a descubrir os quintetos de Beethoven e el a min a Paixón segundo San Mateo, de Bach, que foi logo a peza fundamental da nosa convivencia. Liamos xuntos autores que nos interesaban, e canto eu escribía era para el e canto el escribía era para min.

-¿O amor é química?

-Mentres existe a parella é química e física e todo. Pero o amor é moito máis. Eduardo morreu en abril do noventa e un, así que eu coñezo o amor da ausencia e o amor que perdura despois da morte, e coido que o amor é coma un reflexo de Deus.

-¿Pode a poesía ser tan doce coma o amor?

-Si, si ,si; o amor reflíctese na poesía.

-¿E tan terrible coma unha dor de moas?

-Non, porque aínda que trate da ausencia é algo xa asumido e o verso flúe coma unha fonte. A dor é previa.

-¿Cal é o fermento da poesía?

-O amor, a natureza, a vida e a morte, a idea de Deus… Os grandes misterios da existencia, que non se poden eludir, nin esquecer.

-¿Avellenta a alma co corpo ou é sempre nova?

 -É nova e sempre a mesma.

-¿Nova e novicia?

Si, tamén; nova, novicia, eterna e cambiante. É un misterio, pero é así.

-¿Que ve cando pecha os ollos?

-Vexo o que quero.

-¿E cando os abre?

-A luz. Teño sempre as ventás abertas, mesmo de noite.

-¿Pérdese nos tellados da fantasía?

-Si, aínda me encantan os contos de fadas.

-¿E se un paxaro se lle pousa na cabeza?

-Déixoo que cante.

(Serie de entrevistas Riscos publicada en La Voz de Galicia en 1997)

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.