Ramón Piñeiro, sabedoría e bondade

Ramon_Pineiro_por_Siro

Ramón Piñeiro, sabedoría e bondade

Non admirei a ninguén como a Ramón Piñeiro. Sei que é un sentimento compartido por cantos o coñecemos de verdade. nos nutrimos da súa sabedoría e aprendemos da súa bondade.

Piñeiro falaba coa boca, coas mans e coaqueles ollos, noutro tempo cegos, que medraban esaxeradamente detrás das lentes deformantes. En trinta debuxos e pinturas tentei apreixar un chisco da súa inmensa personalidade.

Conversa con SIRO. Pedro Taboada (2017, Siro, Deputación da Coruña)

-Sen embargo levas anos mergullado nunha obra gráfica e pictórica que nada ten co humor.


-Si, cando me xubilei, no 2006, fíxeno porque estaba enfermo, pero tamén porque quería escribir varios libros e facer varias exposicións. Libros, publiquei dous –Castelao en el arte europeo e Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo-; e exposicións fixen tres: unha dedicada a Picasso, no 2006; outra a Valle-Inclán, no 2007; e outra a Ramón Piñeiro, no 2009.

-¿Podes explicar as características de cada unha?

-A que titulei Desde Picasso, formada por 35 óleos, témperas e acuarelas, ten dúas partes: a dos debuxos e pinturas nas que recoñezo a influencia de Picasso, e a dos retratos que eu fixen a Picasso coa mesma liberdade que el tivo ao retratar os seus modelos.

A de Valle-Inclán tituleina Retratos, caricaturas e visións porque ten retratos, moi libres, pero realistas, feitos a partir de fotografías; caricaturas, de estilos moi diferentes, pero elaboradas coa técnica da caricatura; e outros
debuxos e pinturas, que non son retratos, nin caricaturas, senón fantasías que imaxino ou vexo cando penso en Valle cos ollos pechos. Son 37 obras, variadísimas en estilos e tamén en técnicas porque o personaxe é fonte inagotable de inspiración.

A de Piñeiro tituleina Ramón Piñeiro na lembranza e foi un intento de reflectir en 32 retratos e 7 caricaturas, feitos con gouaches, tinta, pasteis e ceras, a bonhomía, a intelixencia, a xenerosidade e a heroicidade moral daquel home a quen tanto quixen e admirei. Foi unha experiencia irrepetible porque cada cadro era un encontro con Piñeiro na súa mesa
camilla. Víao ante min, tan vivo, que só tiña que preocuparme de facer os riscos máis audaces e máis estéticos, porque o parecido  conseguiríao sempre.
Nas tres exposicións hai debuxos feitos cunha técnica que veño utilizando desde hai anos e que supón a culminación do meu facer coa liña. Substituín a prumiña polo pincel e a tinta china polas témperas. Os retratos, os espidos femininos e as paisaxes, todos de grandes dimensións, feitos con liñas de cores, tracexadas co pincel, penso que son os meus maiores logros. Non sei canto tempo poderei seguir usando esta técnica, que esixe habelencia na
man e confianza no cerebro; pero de momento sigo con ela.

Deixa un comentario