Castelao ante Picasso

Castelao ante Picasso por Siro
Castelao ante Picasso por Siro

Cando Picasso mostrou o cadro Les demoiselles d’Avignon, que pintara entre os anos 1906 e 1907, provocou abraio e desconcerto mesmo entre os pintores vangardistas de París. Braque comentou: “Quere facernos beber petróleo e comer estopa”. Anos despois crearía con Picasso o cubismo. André Derain, un dos grandes do fauvismo, afirmou: “É a corda coa que rematará aforcándose”. Vinte anos despois, o coleccionista Jacques Doucet, propietario do lenzo, quixo doalo ao Louvre e non llo quixeron.

Non foi so Les demoiselles d´Avignon o que desconcertou a críticos e artistas, senón toda a obra innovadora. Aínda en 1946, Eugenio Dors publicaba o artigo ¡Adiós, Pablo Picasso!, no que expresaba a decepción polo que o xenial artista non chegaría a ser. Vinte anos despois, o pintor Vázquez Díaz, amigo na mocidade de Picasso e admirador seu, comentaba: “Qué pena que este hombre, al que yo admiro tanto, haya llegado a esto”E ante o cadro Muller con chapeo afirmou, indignado: “Aquí no sólo no hay dibujo, sino que ni siquiera hay gracia. Son bromas intolerables”.Ignacio Zuloaga, tamén amigo e admirador do primeiro Picasso, escribiu: “Picasso estaba extraordinariamente dotado para ser un gran pintor, hasta el momento en que se salió de la pintura para entrar en lo que se llama cubismo”.

Pois se pintores e críticos de tanto prestixio se viron superados pola creatividade de Picasso ata datas recentes, por que ía entendelo aquel artista provinciano que era o Castelao en viaxe de estudos por Europa, en 1921? Porén, cando, en 1977, Galaxia editou o Diario 1921 apareceron en Galicia críticos e amantes da Arte alporizadísimos -tanto que un crítico chamou a Castelao “artista reaccionario” nun programa da TVG-; e desde o antigaleguismo aproveitouse a ocasión para “desmitificar” a Castelao e tachalo de ignorante.

Galaxia editou o Diario 1921, no que Castelao anotou o que pensaba e sentía na viaxe por Europa, bolseiro da Deputación de Pontevedra para estudar a arte do gravado, porque os comentarios e os debuxos que foi facendo cada día converteron o orixinal nuha xoia que cumpría dar a coñecer nun libro. Pero o que Castelao escribía no Diario era para el e, aínda así, cando fala de Arte faino coa humildade e rigor: “Aínda sabendo que isto que escribo é para min só, non quixera pór enriba dun papel un xuizo que non fose exacto. Ademáis eu non teño cultura abondo para estar influído polo lugar común e prefiro agardar máis tempo antes de dicirme a min nada”.

Pois non; aquel diario non foi para el só porque entramos a saco na intimidade do autor e fixemos públicas as súas reflexións, as súas dúbidas e os seus medos. Pouco antes de morrer, Miguel González Garcés dixérame:“Resulta incomprensible que Castelao non entendese a Picasso porque eu coido que tiñan a mesma sensibilidade”. Sorprendeume aquela observación porque o mesmo pensaba eu; pero o certo é que non o entendeu, coido que por dous motivos: por falta de experiencia como espectador –o de espectador de arte é un oficio que se aprende vendo moita-; e porque o seu estado de ánimo non era o axeitado para pousar unha ollada positiva en debuxos e pinturas que o escandalizaban. Aquel home doente de saudades, que entraba nas igrexas para chorar; aquel puritano que nunca debuxara un espido feminino e vía os de Picasso “con todos os pelos” andaba arrepiado por un París, que lle parecía a nova versión de Sodoma e Gomorra.

Si, é certo; Castelao non entendeu a Picasso, pero que ninguén se engane. Castelao posuía unha exquisita sensibilidade artística e o Diario 1921 está cheo de xuízos atinados que os seus detractores non percibiron por pura ignorancia. Cando di, socarrón: “Xa sei o que é o dadaísmo. O dadaísmo non é nada; o dadaísmo é facer nada con nada e é peor que nada”está adiantándose en 25 anos a Grosz, o gran debuxante alemán que fora responsable de publicidade do movemento Dadá e deixou escrito nas Memorias: “Moitos críticos, encirrados en seguir a moda, eloxiaban esta bulra e comentaban as pezas moi en serio. Só o pobo chan, o que non entende de arte, reaxía dun xeito normal e dicía que as obras de arte dadaísta eran unha merda. E tiñan toda a razón”.

Desde o asombro e o respecto, Castelao entendeu cada vez mellor a Van Gogh, Cézanne, Gauguin, Beckman,  Franz Marc, Redon, Van Dongen…  Gorentouse coa colectiva de artistas rusos vencellados ao teatro, que lle pareceu a máis interesante de cantas vira na súa vida, e eloxiou a Leon Bakst, Alexandre Benois, Eugéne Chiriaeff, Nathalie Gontcharova, Alexander Jacovleff, Nicolás Remisoff …, que aínda non eran coñecídos. Tamén valorou a habelencia de Max Klinger coa plumiña e a augada; o talento e a creatividade de Arnold Böcklin. En Bélxica descubriu a Franz von Lenbach, e gustoulle; e en Berlín a Fran Von Stuck, que lle causou gratísima impresión…

Non, Castelao non era cego para a arte e ao volver a Pontevedra escribiu: “Aprendín moito en París sen perder unha migalla sequera das miñas ideas. O esquelete da miña arte gañará moito con esta viaxe”.

Deixa un comentario