Hai 45 anos descubrín a Jules Pascin, un debuxante búlgaro, fillo dun xudeo sefardita e dunha serbo- italiana, que viviu a bohemia en París nos anos da Belle Epoque. Dotado dunha habilidade pouco común, debuxaba e pintaba acuarelas e pasteis a velocidade vertixinosa, conseguindo acertos imposibeis nun traballo demorado. Foi o debuxante que máis me interesou durante anos e do que máis aprendín. Sigo admirándoo igual ou máis que cando tentaba apreixar a esencia dos seus riscos, e aínda agora, de cando en cando, tírolle algún retrato ao gouache a partir dunha foto grande, que conseguín non sei cando, nin como.
Estes debuxos fíxenos a partir das fotos que aparecen nun catálogo o día que David Pintor me regalou unha pluma de debuxo Pilot, que daquela aínda non se vendía en España.
Por certo, Pascin, como Toulouse Lautrec, viviu a gran mentira dunha festa permanente entre o alcohol e o sexo, pero suicidouse en 1930, en Montmartre, cando tiña 45 anos.
Jules Pascin