Puntadas sen fío: Xoán Paulo II, santo

Xoán Paulo II por Siro
Xoán Paulo II por Siro

Teño un amigo, profundamente católico, convencido de que as redaccións dos xornais están cheas de ateos anticlericais. Proba diso é que escribimos «papa» con minúscula. Eu explícolle que iso é cousa do «libro de estilo», pero sospeito que non o convenzo. Á xente da nosa idade aprendéronnos que é mala educación falar de diñeiro, de relixión e de política; pero nós de diñeiro e de política falamos e rimos moito; de relixión non. Por iso nunca lle expliquei por que, en 1984, editei, pola miña conta, un cartafol de debuxos que titulei In saecula saeculorum amen -os máis satíricos que fixen na miña vida-, cun prólogo no que explicaba: «Nada hai nestas láminas contra a fe relixiosa, nin a visión cristiá do mundo, nin os dogmas do catolicismo. A sátira vai dirixida á Igrexa como institución arredada da mensaxe de Xesús». O sumo pontífice era Xoán Paulo II, quen xa, en 1980, me inspirara unha viñeta titulada O home que pide pola paz no mundo, na que un crego oraba no púlpito: «Señor, dálles paciencia aos pobres na súa pobreza e fai que os ricos non sexan soberbios na súa riqueza». Coido que, no fondo, esa foi a mensaxe que o papa viaxeiro transmitiu aos bispos dos países suramericanos, baixo ditaduras de extrema dereita.

Eu entendía o anticomunismo daquel home que vivira a chamada Masacre de Katin, en 1940, cando Stalin e demais membros do Politburó aprobaron a execución de máis de 21.000 polacos, militares, policías, intelectuais e membros da Igrexa católica; e que en 1979 decidise combater o comunismo ruso. En xuño, cunha visita de nove días a Polonia, na que millóns de persoas acudiron a velo; en outubro, ao denunciar na ONU a violación dos dereitos dos crentes nos países do bloque soviético. O Partido Comunista da URSS fixo público un documento contra a política do Vaticano, hostil aos Estados socialistas, e días despois o papa sufriu un atentado na praza de San Pedro; pero a URSS esfarelouse.

A aversión ao comunismo levouno a velo onde só había cristianismo. Explicoullo monseñor Romero, en Roma, en 1979, cando lle foi pedir axuda despois de que fosen asasinados cinco sacerdotes no Salvador: «El Salvador no es Polonia. Allí llaman comunismo a la doctrina social de la Iglesia». Tres meses despois caería el baixo as balas dun francotirador, mentres celebraba misa. O papa aconselláralle establecer pontes coa ditadura «porque o coronel era católico e algo bo tería». Quizais por iso se mostrou cordialísimo con Pinochet, na visita a Chile, en 1987; aínda que católico era o sacerdote Ernesto Cardenal, ministro do Goberno Sandinista en Nicaragua, e negáralle a man, ao baixar do avión, en 1983.

A percepción do papado de Xoán Paulo II expreseina en varios debuxos do meu cartafol. Daquela descoñecía a protección que deu, durante anos, ao monstro pederasta que foi o cardeal Marcial Maciel, polo que non a tratei, e ben que o sinto. A historia da infancia sometida a abusos sexuais é atroz, pero resulta especialmente arrepiante cando se produce no seo da Igrexa e os xerarcas a ocultan. Se o meu amigo, católico afervoado, e mais eu falásemos de relixión, pediríalle que me explicase por que Xoán Paulo II é santo. Como non o facemos, seguirei sen sabelo.

1 comentario en “Puntadas sen fío: Xoán Paulo II, santo”

Deixa un comentario