Puntadas sen fío: Fernández Albor

Xerardo Fernández Albor por Siro
Xerardo Fernández Albor por Siro

Cando falei por primeira vez con Xerardo Fernández Albor, en xullo de 1974, tiven a sensación de coñecelo desde moito antes, porque, malia ser un médico eminente, recoñecido internacionalmente, ante min estaba o home sinxelo, simpático e cordial que tantas veces me describiran Ramón Piñeiro, García-Sabell, Fermín Penzol e Sixto Seco. Aquel día sentímonos vencellados polo galeguismo-piñeirista, pero non podíamos imaxinar que, dez anos despois, el presidiría o Goberno galego e eu estaría na Redacción da Voz, facéndolle caricaturas.

Di Leopoldo Calvo Sotelo que nas eleccións autonómicas de 1981 o candidato da UCD á presidencia da Xunta de Galicia ía ser o rector Suárez Núñez, que contaba con Fernández Albor para ser conselleiro de Sanidade; pero Meilán e Franqueira desbarataron o proxecto e María Victoria Fernández-España falou con Fraga, quen ofreceu a Albor encabezar a lista de Alianza Popular. A debacle da UCD e o éxito de AP levaron a Albor á presidencia e eu convertino no principal protagonista das miñas caricaturas. Un ano despois, por iniciativa do vicepresidente Xosé Luís Barreiro, fixemos unha mostra en San Caetano e nas fotos da inauguración vese un Fernández Albor que ri, divertido, ante os deseños. Eran días de mel e rosas, pero a relación entre o presidente e o vicepresidente non tardou en deteriorarse e as informacións da Voz falaron dun presidente benintencionado, pero pouco político, e dun vicepresidente canso de apagar lumes. Tamén as caricaturas do presidente deixaron de ser amábeis para ser críticas, algunhas mesmo crueis, e a nosa amizade quebrou. Anos despois vímonos na Coruña. Desviou a ollada, pero saudeino: -Xerardo, que ben estás; séntache ben o Parlamento Europeo. Respondeume con acritude: -É que alá non hai xornalistas fillos de puta como aquí. Sorprendeume tanto que botei una gargallada e comenteille: -Xornalistas fillos de puta coma min. E aí volveu aparecer o Fernández Albor, boísima persoa, para absolverme: -Non, coma ti non. Coma outros.

Desde entón atopámonos varias veces, con alegría compartida, e coincidimos por última vez no enterro de Carlos Casares. Falamos moito do amigo común e rimos recordando as súas anécdotas, ocorrencias e argalladas. Despois deixamos de vernos durante once anos, ata que, no 2013, participou na presentación en Compostela do libro García-Sabell e a fenomenoloxía, de Ramón López Vázquez. Durante quince minutos, sen papeis, fixo una evocación maxistral do seu mestre e amigo. Corrín a felicítalo e recibiume fríamente, como se non me recoñecese. Logo souben que na celebración dos 30 anos do Parlamento galego se negara a mirar unhas caricaturas miñas porque eu «lle fixera moito dano». Conservaba unha cabeza espléndida, pero esquecera a nosa reconciliación. Conteillo ao cuñado Xavier Baltar e pedinlle que llo recordase. Fíxoo, pero non lle interesou e eu sentino.

Deixa un comentario