Ninguén apostou máis forte pola Segunda República que Ortega y Gasset, nin se preocupou tanto de guiala nos primeiros pasos. Pensaría, digo eu, en Estanislao Figueras, primeiro presidente da Primeira, que, catro meses despois de ser elixido, soltou nun consello de ministros: «Señores, ya no aguanto más. Voy a serles franco: ¡estoy hasta los cojones de todos nosotros!». E dimitiu.
Pensaría tamén nas tremendas liortas da Restauración e, para que non se reproducisen tan infaustas experiencias, na primeira intervención parlamentaria advertiu aos novos deputados: «Hay, sobre todo, tres cosas que no podemos venir a hacer aquí: ni el payaso, ni el tenor, ni el jabalí». Advertencia inútil porque a partir daquel momento fixéronse notar, con escándalo, os compoñentes dun grupo de extrema esquerda que adoptaron o nome de «os xabarís». Entre eles estaba Ramón Franco, en pleno fervor revolucionario. Porén, o máis grave altercado produciuse o 16 de marzo de 1936, cando socialistas e comunistas cantaron, puño en alto, a Internacional, e un, que probablemente desafinaba, tentou agredir ao presidente do Congreso. Nunca tal se vira e Wenceslao Fernández Flórez, que facía para ABC as Acotaciones de un oyente, presentouse ante o director co caderno de notas en branco e explicoulle: «Hoy tiene que mandar allí un redactor de sucesos, no a mí».
Durante a Transición, Alfonso Guerra imitou máis dunha vez os gruñidos do xabaril para poñer medo a Suárez, pero o xabaril daquel Congreso foi o Fraga que, en 1978, culpou o Goberno da Operación Galaxia: «Responsabilizo al Gobierno y al ministro de Defensa de lo que pasó. El ministro está dividiendo al Ejército. Esta es una cámara del Este, por eso quienes más aplauden son Carrillo y su gente».
En democracia o PP demostrou ter un espléndido criadeiro de porcos bravos con categoría de galácticos. Aquel Luis Ramallo, implacable con Pilar Miró, directora de RTVE, que pagara con cartos do erario público a roupa que lucía en actos protocolarios, tería que recoñecer, anos despois, ao se descubrir a estafa de Gescartera, que recibira regalos, por valor de 12.000 euros, do apoderado e accionista principal da axencia. Tamén sería condenado a indemnizar á empresa Puma con 750.000 euros por prexudicala ao ditar unha arbitraxe contra todas as regras.
Como non lembrar a Martínez-Pujalte, o primeiro deputado expulsado do Congreso? A Jaime Ignacio del Burgo, teimudo coma o neno do conto da petaca ao defender a trama ETA? terrorismo islamista, no 11-M, para levar a Zapatero á Moncloa. Pero, sobre todo, como non pasmar ante un partido que fai presidente a un xabaril fero e agresivo como Pablo Casado? Que autoridade moral queda á presidenta da Cámara para esixir aos deputados que retiren do vocabulario a aldraxe «golpista», cando o presidente do seu partido lla di ao presidente do Goberno?
Non, non esquezo o Rufián ignaro e ramplón. Ao velo saír expulsado e seguido dos compas de grupo, con amago de gargallo a Borrell, pensei en cando os xabarís republicanos se identificaron ante Unamuno e respondeulles: «Imposible, los jabalíes van solos o en pareja; los que van en piara son los cerdos».