Puntadas sen fío: Vox e política canora

Ortega Smith, Pedro Fernández, Santiago Abascal de Vox por Siro
Ortega Smith, Pedro Fernández, Santiago Abascal por Siro

En 1931, na campaña electoral das Constituíntes da II República, coñeceuse a anécdota dun candidato que falaba nun pobo da España profunda e un dos asistentes interrompíao cada pouco:

– ¿Vale la controversia?

Rematado o mitin e animado polos aplausos, o candidato sacou peito e asentiu:

-¡Sí, vale la controversia!

E o que preguntara, posto en pé, berrou:

-¡Hijo puta! 

Así debateron sempre as dúas Españas que Goya representou nesa abraiante pintura negra en que dous homes, soterrados ata os xeonllos nunha lameira, danse de garrotazos. Coa mesma saña fixérono de palabra nas institucións, cando tiveron ocasión; pero xamais coa virulencia de Vox. 

A pasada semana, Pedro Fernández, concelleiro e deputado, dirixiuse no pleno municipal aos edís de Más Madrid e díxolles: “Mire, ¿sabe qué le digo? Aparte… aparte sus sucias manos de mi hijo, aparte sus marxistas deseos y apetitos sexuales de mi hijo. Y sobre todo, no le voy a permitir, y pierda toda esperanza… pierda toda esperanza, de adoctrinar a nuestros hijos para convertirlos en enfermos como ustedes. Muchas gracias.”

Deixou a tribuna, fachendoso, co nariz orientado ao teito e o surriso de orella a orella, pero a súa intervención foi unha cantada antolóxica pola torpísima redacción do texto, o contido aldraxante, e porque –ver para crer- non foi quen de dicilo sen quitar os ollos do papel.

Ben sei que os cantantes na política son lexión e que os houbo, hai e haberá sempre; pero estou certo de que con Vox naceu unha nova especie de políticos tan faltóns, pendencieiros e chulos, que, non ben os oes ou les, sentes necesidade de tirar da cadea.

Pensaba eu como denominar aos exemplares desta nova especie política canora, cando lembrei un paxariño cantareiro que no País Vasco ten nomes que me encantan: “Troglodito” e “Chochita”. Pois xa está; chameinos “Gran Troglodito” e “Chochona”.  

Gran Troglodito foi Santiago Abascal na resposta a Jordi Évole, quen nun diálogo en clave de humor con Pablo Motos, en “El Hormiguero”, preguntou se o líder de Vox fora a cabalo ao programa e, como Motos respondeu que non porque o chan do estudo é esvaradío, laiouse: “Pues lástima, porque un hostión le vendría bien.”

Nunca tal dixera! Cachondeos co líder de Vox, non! Risas á súa conta, nin unha! Abascal lanzouse a Twitter e deu o cante: “No es raro que quien legitima a etarras quiera violencia o daño contra alguien”. Vale: Évole lexitima etarras ao entrevistalos, e Pablo Motos lexitima a extrema dereita ao entrevistar a Abascal. Descomunal cantada pola maledicencia e a ilóxica do ofendido.

Gran troglodito foino Ortega Smith ao acusar a Fraga de impoñer o idioma galego pola brava e a Feijoo de ser un topo nacionalista no PP, “la derechita cobarde”; e Gran trogloditos e Chochonas son cantos atacan os principios da democracia, e os deputados e edís provocadores con retórica bélica.

E de novo vale a controversia porque se unha España ve no seu canto “la vuelta de los ideales eternos”,  a outra ve neles os Coros do Exército Bufo.

Destes son eu, claro.

Deixa un comentario